Se primeiro foron os efectivos de Emerxencias e Protección Civil dos concellos da comarca os que arrimaron o hombreiro pese a ser competencia da Xunta, agora a "plaga" da vespa asiática anima a axudar máis do que cabería esperar tamén a algún políico. É o caso do concelleiro de Obras e Servizos de Carral, Carlos Barbeito, que comezou a retirar niños nas vacacións do único contratado fixo de Protección Civil, hai "tres ou catro meses", e xa seguiu.

-Cantos nidos de avispa leva retirado vostede?

-Uns 130.

-Quen mais se encarga desta labor en Carral?

-Acompáñame o técnico de Medio Ambiente do Concello. As fins de semana vou eu solo. O chaval de Protección Civil ten vertixe e non pode subir ás alturas para sacar os niños altos. Pero non é unha cousa que me importe facer. É importante sacalos canto antes e non me preocupa botar unha man.

-E só hai un rapaz de Protección Civil?

-Con contrato fixo só hai un. Despois hai voluntarios.

-E a eles non lles mandan facer esas tarefas, claro.

-Non.

-E cando vai só as fins de semana, apáñase ben?

-Si pode vir a muller, bótame unha man a quitar o traxe, que é complicado. O técnico tamén me axuda co traxe, á escada subo eu.

-E vostede recibiu formación para retirar os niños?

-Non. Pero é fácil. Hai que meter un producto no niño, que só ten un burato de entrada e saída, e xa oes cando morreron. Ao botar o líquido óese dentro como un zumbido que despois para. E despois hai que retiralo e nada mais. E normalmente non atacan sequera.

-Canto hai que retira vostede niños de vespa asiática?

-Hai tres ou catro meses.

-E por qué comezou. Non vén a empresa que contrata a Xunta?

-O ano pasado viña Tragsa. Este ano non. Non sei cómo está o convenio. Mandáronnos material, traxes e unha pértiga, que leva o líquido a 25 metros. Aínda non a estreei porque veu a semana pasada.

-Había voluntarios interesados en retirar de niños en Carral.

-Houbo un par de voluntarios pero non querían facerse voluntarios de Protección Civil.

-E por que se tiñan que facer de Protección Civil?

-Para que os cubra o seguro. Porque si van por libre e están sin asegurar e levan un golpe, recae a responsabilidade no Concello. Eu teño idea de facer un curso de traballo en altura por curarme en saúde, por si despois o esixe o seguro.

-Ah, polo seguro. Pero non lle da medo retirar niños en altura?

-Eu antes de traballar de concelleiro era gruísta. Estiven moitas veces na punta dunha grúa, non lles teño medo ás alturas. E as vespas non son tan agresivas como se di si non lles atacas. A min un par de veces viñéronme ao traxe porque estaba desbrozando ao lado do niño antes de sulfatar. Bueno, pero tampouco quero que a xente se confíe.

-Retirou niños moi altos?

-Hainos dende a 20 metros ata enterrados no chan. De más de 14 metros non sacamos aínda ningún.