O Bloque de Oleiros organizou para hoxe venres unha asamblea aberta no centro cultural de Montrove co fin de analizar cos residentes da zona dous dos seus principais problemas:a mobilidade a pé en alguns lugares da localidade e a "deficiente cobertura do transporte público". A asamblea comezará ás 20.00 horas na cafetaría do centro cultural, o antigo teleclube de Montrove.

Os vecinos xa teñen denunciado a falta de pasos peatonais na principal travesía, unha situación "especialmente grave" á altura da escola infantil Reberte porque aos veciños da urbanización de enfrente resúltalles imposible levar ós seus fillos a pé á escola e teñen que ir en coche para recorrer só cincoenta metros. O Bloque lembra que a Xunta prometeu un paso peatonal en 2009 nesta zona, que nunca se fixo.

Os nacionalistas destacan tamén que hai un único autobús que pasa cada hora e comunica con Perillo, a capital municipal e A Coruña.

O partido suliña que nesta zona hai moitas vivendas e tráfico sobre todo entre o cruce da rúa Avogadas e a Casares Quiroga, pero non hai pasos sinalizados para atravesar a pé a carretera. Engade que o mesmo acontece na zona de Lamastelle.

O BNG con estas asambleas parroquiais quere coñecer as demandas dos veciños para trasladarllas tanto ao Concello como a outras administracións e manter o contacto directo coa veciñanza.