Mentres todos dormen acochados nas súas casas o porto de Lorbé é todo luces de focos e os mariñeiros van partindo cara ao mar cando aínda non son as cinco da mañá. O Maradán, un pesqueiro de quince metros de eslora, é o barco do patrón maior da confraría, Emilio Méndez. O seu pai e o seu avó foron mariñeiros. O seu irmán e o seu fillo forman parte da súa tripulación e unha irmá é redeira. Unha familia enteira que leva o mar no sangue e que vai xa pola cuarta xeración. Éste é un día de traballo con eles.

Parte o Maradán de Lorbé con Emilio na ponte e o fillo Martín e o mariñeiro Mario. O irmán do patrón está de baixa. Van ao lenguado. O día anterior colleron 19 quilos e esperan rematar a semana con outra boa captura. Cando Emilio se asenta na ponte Mario xa lle entrega o café con leite condesado que acaba de preparar na cociña. É o único que almorza até que volta á terra, sobre as doce ou unha do mediodía.

"Levo no mar desde os 16 anos e teño agora 49. Parei un ano, traballando na depuradora do mexilón. Non creas que me encantaba ir ao mar, mareábame. Pero agora si que me gusta. Pero cando me retire, retírome, como fixo meu pai, que lle gustaba moito o mar pero cando se xubilou non baixaba nin ao porto. Este barco quédalle para o fillo. Aínda lle queda moito, é do 2003 e estes de fibra duran moito. Antes tiven un de madeira, o Orientiño, que mandou meu pai até que o collín eu. Se me gusta que meu fillo sexa mariñeiro coma min? Por un lado si, tes choio sempre, pescarás máis ou menos, aínda que non é coma ter un soldo fixo en terra. Disto vas tirando", relata o patrón.

Martín e Mario descansan un pouco na cociña mentres o barco non chega á zona onde largaron o día anterior as redes, pola zona da ría de Ferrol, a algo máis dunha hora de ruta desde o porto. O patrón está pendente dos ordenadores, un diario electrónico e outro coas cartas marinas. O actual programa que manexan os mariñeiros suponlles unha gran axuda: teñen marcadas todas as rutas que teñen feito e ven todas as embarcacións que hai arredor e o seu nome. "Ves o barco e cara a onde vai, onde trae a proa. Marca en roxo se o fondo do mar nesa zona é pedra firme e en amarelo se é pedriña e verde se é area. Tamén temos outro programa que fixo Francisco de Malpica, moi coñecido. Isto é moi bo sobre todo cando está cerrado de néboa", conta Emilio Méndez.

Na ponte o que goberna o barco non vai só. Na canle 77 falan os miñeiros, os que coma o Maradán se adican a esta arte de pesca con rede de triple capa. Na canle 9 óese falar a todos os que faenan na zona. Hoxe [venres 28 de outubro] anda un das Rías Baixas pola ría alta. "Collín trece quilos de lenguado", conta un mariñeiro pola emisora. Outro pregúntalle a Emilio se leva ben unha das luces e outro explica onde largou as redes. "Con isto estás acompañado. E na canle 74, máis tarde, é xa todo leria, falamos de política e de todo. Falamos tres ou catro pero todos escoitan, é como o Sálvame, que ninguén o ve pero todos falan del", conta con bo humor o patrón.

Vense as luces da Coruña ao lonxe e os sinais da Torre de Hércules. Pásase a Marola e o resto é noite menos as luces dos demais barcos que saíron faenar. De Lorbé parten dez e van a unhas doce millas de distancia. Ahora é época baixa para os mariñeiros, hai menos pesca e menos variedade. Pouco despois das seis da mañá xa están pola zona onde o día anterior largaron as redes. Ao ser venres só recollerán as redes pero non as largarán de novo, polo que chegarán máis cedo á casa.

Cun foco, Martín e Mario, que xa sentiron que paraba o barco e se ergueron, buscan a boia que sinaliza onde está o cabo das redes. Teñen que recoller 140 aparellos de 50 metros cada un. Os brazos de Emilio, que xa cambiou a roupa polo traxe de augas e botas, non pararán de recoller rede até preto das nove da mañá. O halador supuxo unha grande axuda aos mariñeiros á hora de recoller as redes.

Emilio considérase afortunado, nunca tivo un naufraxio. Dúas veces caéronlle mariñeiros pero puideron rescatalos. Lembra, coma todos no pobo, aquel día de 2002 no que afundiu o Meloxeira con catro rapaces de Lorbé. Se o traballo é duro, no inverno xa é insofrible: mollados todo o tempo, con frío e vento e aguantando o equilibrio na cuberta nun devalar mortificante.

Os lenguados van caendo na caixa segundo Emilio vai subindo a rede e outros sácaos Mario. Na popa Martín recolle a rede. Moito do que entra na malla volta ao mar, o que non ten o talle mínimo ou non se paga ben ou non se vende. Volven á auga moitos melgachos, polbos pequenos e até xigantescas estrelas de mar. Veñen tamén moitas algas nas redes, cunchas de moluscos e moitas raspas de peixe, só coa espiña, porque os comen os patexos. Pero sobre todo o que hai é "o peixe-bolsa", di con humor Mario García, veciño de Lorbé de 42 anos.

Estes mariñeiros fan tamén un labor medioambiental, de limpeza do lixo do mar. Bolsas, botellas e demais bótanse en cestos que logo se baleirarán no contedor do porto. "Ás veces chegamos con toda a proa chea de bolsas. Tiran moito tamén da depuradora de Ferrol, unha especie de baetas. Se non recolles eses plásticos, despois volverás collelos outro día nas redes", explica Martín Méndez, un mozo de só 29 anos que xa é segundo patrón e que está chamado a tomar o relevo á fronte do Maradán.

"Eu empecei hai nove anos e oito estiven con biodramina. Tardas en afacerte. Primeiro empecei en Proinsa, co mexillón, como castigo de meus pais por suspender. Pero a min gustábame o mar, e mellor que meu pai... A min gústame isto, aquí eres máis libre. No mexillón tes vacacións e iso, pero non ves nada", relata Martín, que acaba de ter un fillo. "Érgome sobre as catro e media da mañá, pero agora coa nena xa durmo menos aínda. Non me gustaría que os meus fillos fosen mariñeiros. Creo que se vive ben disto, pero non podes ir a un banco e dicirlle que gañas segundo a marea para facer unha hipoteca".

Sobre as oito e media abre o día, deixa de verse unha lúa espectacular, unha raíña á espera de ser lúa nova hoxe domingo, e pouco despois das nove sae xa o sol. A costa vese totalmente diferente dende o mar e descobre belezas coma o cabo Prioriño. Os barcos que pasan van envoltos nunha maraña de gaivotas á espera dos restos que tiran pola borda.

No Maradán remataron de recoller as redes, ben dispostas na máquina da popa despois de botar pouco peixe este último día da semana. Apenas catro quilos de lenguado e un pouco de faneca, un sanmartiño e varios escachos, entre outros. Hai días así na pesca. Martín e Mario comezan agora a limpeza. Fregan todo o barco e baldéano. Despois, por fin, poden botar un pitillo ou consultar as mensaxes no móbil.

"Eu son mariñeiro dende o 97. O meu pai e o meu irmán maior tamén eran. No Maradán levo dende 2007. Non é que me guste moito este traballo, pero estou moi contento. É bastante duro e rutinario. Cando acabei a mili no había choio e empecei con meu irmán que tiña unha lanchiña. Eu vou cedo para cama, sobre as nove ou dez e almorzo na casa. Eles van polas doce. Despois, se me dá tempo pola tarde, durmo algo", conta Mario, quen confesa que el é mais de carne que de peixe, sobre todo se lle toca limpalo a el.

Pouco despois das dez da mañá xa está o barco no porto. Queda fondeado e báixase nun bote até o peirao. "Había que ampliar o porto, non caben todos os barcos e teñen que estar fondeados", di Emilio. Os mariñeiros de Lorbé están en contra de como se vai facer o dragado en Sada. "Queren extraer area da zona onde nós traballamos para levala alí a Sada e eso é un prexuízo. Que a saquen do banco de area que hai á entrada de Pontedeume", apunta.

Báixase a pesca a terra e na confraría dispónse en caixiñas de polispán con xeo e lévanas á lonxa da Coruña para a subasta. Rematou o día dun mariñeiro.