Juan José Barro é un veciño de Arteixo máis coñecido como Cheíño de Tó. Hai catro anos decidiu empezar a facer viñetas cos sucesos destacados que ocorren na vila e mostralas no seu blog, Arteixolandia. Co paso dos anos os seus debuxos comezaron a facerse coñecidos e son moitos os veciños que están pendentes das súas publicacións. O máis curioso é que ao principio non quería que ninguén soubese a súa identidade e optou por crear un personaxe virtual. Aí naceu Cheíño de Tó. A pasada semana decidiu dar outro paso á fronte: saír do anonimato. Organizou unha exposición na libraría Á lus do candil e presentouna en persoa. Quedou sorprendido pola cantidade de veciños que acudiron. "Non sabía que houbese tanta xente que seguía o blog. Parece que gusta", asegura.

Cerca de 40 veciños estiveron presentes na presentación da exposición. Barro relata que "case ninguén sabía quen era" en realidade Cheíño de Tó e que "había morbo". Na inuaguración da mostra desvelouse o misterio. A exposición está composta por 70 debuxos en total. Juan José Barro, natural de Carballo, mostrou unha pequena parte das súas viñetas. Pódense ver ilustraciones que fan referencia a actualidade de Arteixo e a sucesos a nivel nacional. Tamén recorda que estivo quince días coa selección dos mellores debuxos para mostralos na libraría. "Seleccionar é complicado. Estiven retocando e enmarcando os debuxos", relata.

A persoa responsable de que a identidade de Cheíño de Tó saíse á luz é o propietario da libraría Á lus do Candil, o poeta Modesto Fraga, que coñeceu a Cheíño e animouno a dar un paso adiante. Fraga explica que "non todo o mundo ten acceso a Internet" e propuxo facer unha exposición. As viñetas poderán verse ata final de ano na libraría. Este libreiro quere tamén "promocionar aos creadores de Arteixo" .

Un dos temas que máis trata Barro nas súas viñetas é a política local de Arteixo. Co tempo variou a forma en que debuxa ao alcalde, Carlos Calvelo. "O alcalde antes era como un retrato. Despois houbo unha segunda xeración e despois a terceira. O alcalde identifícase polo peiteado", destaca. A Juan José Barro o político que máis che gusta retratar é o portavoz do PSOE, Martín Seco. "É fácil. Ten pelo corto, cara cadrada e perilla", indica. Tamén retrata a Silvia Seixas e Charo Figueiras.

Barro tamén intenta plasmar as noticias que le nos periódicos nunha viñeta. Noutros casos reflexa anécdotas. Nos seus debuxos tamén poden verse elementos característicos de Arteixo: as fontes e os bancos do paseo fluvial.

Cheíño de Tó naceu hai catro anos despois de que unha mestra dun curso de debuxo animase a Juan José Barro a facer máis viñetas e non a botalas na papeleira." Eu tirei o debuxo na papeleira e a mestra colleuno. Díxome que o asinase", recorda.