Os faros de Mera, que este ano cumplen o centenario, non só alumearon na dirección segura aos mariñeiros, senón que iluminaron o espírito de varias xeracións de veciños desta localidade de Oleiros. Foron illas de cultura e de liberdade mentres no resto de colexios só había relixión e se desfilaba coa camisa azul cantando o Cara el sol. Foron varios os fareiros que compaxinaron o seu traballo de vixías do mar coa docencia e un deles, Luis Fernández, que deu clase ata 1955, foi tan querido que aínda hoxe os seus antigos alumnos o lembran con absoluto cariño.

"Don Luis deixoume unha herdanza que non lla poderei pagar nunca. Deume unha meta na vida, ensinoume o desexo de aprender, de superarme. Cambioume a vida", relata Laura Conchado Santos desde a súa casa no distrito de Demarest, no estado de New Jersey (USA), onde vive desde 1963. Esta veciña de Mera foi unha das alumnas da escola do faro, onde estivo entre os 7 e 8 anos. Grazas á paixón que lle espertou polo coñecemento, fixo o Bachalerato por libre, estudou para traballar en alta costura en Estados Unidos e despois deixouno para criar á súa filla e fíxose axente de viaxes. Laura, ao igual que tantos veciños de Mera, ían á escola do pósito, con Manuel Polo Ratón, que era da Falanxe, así que o cambio á escola do faro foi como cando abre a luz do día.

"Don Luis era un grande home, dábaselle moi ben ensinar e collíaslle aprecio, ilusionábaste por aprender. Fun con dez ou doce anos, a aprender as catro regras, xa empezara a ir ao mar. Na escola do pósito estivo Eugenio, pero o zapatearon, e veu Ratón; e en Xoez estaba a escola de Leopoldo, tamén o zapatearon. Eu ía á escola do faro cando había temporal e non se podía ir ao mar, non todos os días. Outros iban segundo podían pagar os pais. Fun catro ou cinco anos, non seguidos. No pósito había que levar a camisa azul coas flechas e desfilar todo o día. Un día tivemos que ir desfilar a Dorneda e tivemos que cantar o Cara el sol e veu un velliño cun azado ao lombo, viña cansado, pero como non se parou canda nós, o Polo Ratón pegoulle unha labazada... E que culpa tería ese home! Por eso os pais mandaban aos nenos ao faro e non ao pósito", conta Avelino Neira, que vai facer os 90 en marzo.

"No pósito tiñas que falar todo en castelán e no faro non, falabas en galego. Eu ía ás clases de noite case. Alí había unha liberdade que non había noutras escolas onde todo era relixión, patria... Era tan bo tan bo don Luis que vin do servicio enfermo de tuberculose, no 47, e veu el e regaloume un aparato destes que facía cine, para que me entretivera", engade Avelino, un home que traballou de maquinista nun barco coma o seu pai e moitos familiares máis. Un día de gran temporal oíron un pito dun barco e foron onda os faros. "Oín os gritos dos afogados pedindo auxilio. Eran dous que viñan de Ferrol".

Avelino tamén lembra, xa de máis novo, ao anterior fareiro, antes de don Luis, Baldomero Sánchez, que tamén foi mestre ata o 45. "Gustábanlle moito os nenos porque el e a muller non tiñan", afirma.

Entre os dous faros de Mera estaba a vivenda do fareiro, hoxe centro de interpretación da natureza tras un convenio entre o Concello e a Autoridade Portuaria da Coruña en 1999. Nesa vivenda, primeiro no vestíbulo e despois nunha habitación, dábanse as clases.

"Eu xa iba á escola cando acompañaba aos meus tíos, comía o bocadillo nas escaleiras da azotea mentres don Luis daba clase abaixo. Eu tería 9 anos cando fun, que foi cando empecei no mar tamén, co meu avó, ás tarrafas. Iba de noite porque polo día tiña que traballar. Don Luis era muy bo e moi serio. Lembro a outros que iban comigo como Antonio Rey, os xemelgos Pepe e Lolo, o meu primo Manuel, Mino, Nicanor, Manuel Pita, outro que xa morreu... Que diferenza coa escola de Polo Ratón, na que desfilei bastante pola carretera... Era da Falanxe", relata José Ponte Fernández, veciño de Xoez de vida completa, carpinteiro de ribeira, mariñeiro, marino mercante, traballador emigrado en Inglaterra 18 anos e de volta en Mera, cun almacén e facendo redes.

"Nas clases de don Luis aprendía de todo, un día se ía calor sacábanos fóra, falábanos do sistema solar. No pósito, con Ratón, só querían que memorizaras exactamente, non podías equivocar unha palabra. Todos os que foron á súa escola saíron con ganas de aprender, hai historiadores, executivos... Don Luis era un cabaleiro, con traxes vellos pero sempre ben planchados, sombreiro inclinado, zapatos pulidos... E sempre che esixía vir con pano, porque dicía que che servía por se esbirrabas, por se caías e sangrabas...", lembra Laura Conchado.

"Cando don Luis marchou para A Coruña ao pouco xa morreu. Tivo dous fillos e unha filla. Os dous fillos tamén estudaron para fareiros. O máis vello estaba en Mahón e cando xa lle deran para Mera, pasou antes por Tarifa a ver ao seu irmán e xa morreu, deulle un ataque ao corazón", sinala a muller de Avelino, Juana Vázquez, que aínda que non foi á clase do faro si coñecía a don Luis e tamén ao fareiro anterior, Baldomero. "Meu pai acordábase de ver facer os faros, de como ían carretando a pedra, e morreu con 95 anos, hai oito anos", apunta José Ponte, que aínda mantén frescos na súa memoria os naufraxios que ten habido na localidade, coma o que se levou a nove rapaces cando el era novo, e singraduras del con moitas ocasións de grande perigo nas que as ondas varreron toda a ponte. "Moitas veces na cama deitado penso, e estar vivo aquí, co que pasei no mar...".

Despois de Baldomero Sánchez e Luis Fernández aínda viñeron Casimiro Piay no 1957 e despois Joaquín Hernández. En 1944 fíxose a primeira reforma da vivenda do fareiro, que estaba en condicións pésimas. Tiña cociña, dormitorios, aseo, taller e despacho.

Os faros de Mera, máis ben torres de enfilación para a entrada ao porto da Coruña, alumearon por primera vez hai cen anos. Despois de ser cedida esta vivenda polo Porto ao Concello de Oleiros en 1999, no 2002 o Goberno local contratou a rehabilitación do edificio para convertelo en centro de interpretación medioambiental do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes, con varias exposicións no seu interior, e que hoxe guía un veciño de Dexo e colaborador do Clube Náutico Punta Bufadoiro (única entidade que se preocupa de recoller todo o pasado mariñeiro de Mera), Franqui Illanes. Deste xeito, a casa do fareiro, que foi lugar de ensino, de coñecemento, de aprendizaxe, conserva hoxe en día o mesmo fin.

Esta casa do fareiro queda como testemuña de como un mestre pode cambiar a vida dun, como un bo mestre queda no teu recordo para sempre. E como deixa en herdanza persoas sensibles, humildes e sobre todo cheas de valores como José Ponte, Avelino Neira ou Laura Conchado.