O concelleiro de Urbanismo encaixa con serenidade a orde da Xunta que rexeita dar luz verde ao plan xeral. Francisco Montouto estima que terá listo en seis meses un documento correxido que reciba o visto bo do Goberno galego.

-Agardaba unha resolución tan dura e exhaustiva?

-A Xunta podía facer tres cousas; aprobar o plan xeral definitivamente, parcialmente condicionado a certos cambios ou denegar a súa aprobación e que quedase a expensas de correccións, que é o caso que nos ocupa. Algunhas das cuestións que plantexa eran as agardadas, outras non tanto. A verdade é que o nivel de detalle con que entra a analizar o plan é moi profundo, o cal non está mal, é máis garantista.

-Que foi o que máis lle sorprendeu?

-O nivel de detalle no que entra nos núcleos, aínda que nós xa supoñíamos que ía suceder en parte. É a herdanza do pasado, o anterior goberno presumiu de aceptar máis do 70% das alegacións, nalgúns casos de xeito discutible, e por iso chegamos a este punto.

-Á vista do acontecido, non lamenta non ser máis restritivo?

-Tiñamos a espada de Damocles de ter que levar xa o plan xeral a aprobación provisional para seguir coa antiga lei de solo e evitar ter que empezar de novo. Tíñamos dúas opcións, empezar de cero ou tirar para adiante por responsabilidade. Tamén é certo que pasamos dos 45 plans de ordenación de núcleo que manexaba o PP a uns 36, pero entrar máis a fondo niso era unha opción que non vía, pensei que era moito mellor que a Xunta revisara o plan. Había outras cousas que tiñamos que mirar sí ou sí, como eliminar os solos urbáns non consolidados, eses polígonos que víamos que non podían seguir ou ese urbanizable en Pazos que non estaba no documento inicial. Creo que era moito mellor mirar iso e outras cousiñas como o hotel.

-Ten unha estimación do recorte no número de vivendas?

-Polo momento non.

-O PP desmárcase da resolución e di que é o voso plan xeral...

-Eu non me considero responsable da expansión do rural, é máis, nós recortamos parte dos plans especiais de ordenación de núcleo, aínda que é certo que nos núcleos rurais comúns ou históricos non entramos. O PP di que o plan xeral estaba documentalmente listo e non é certo. E demostra descoñecer a normativa pola que nos rexemos cando di que hai que expoñelo de novo ao público. Penso que tentan eludir a súa responsabilidade. O documento que levou a pleno a aprobación extraordinaria en decembro de 2015 é prácticamente o mesmo que levamos a aprobación provisional. Creo que nós o melloramos, aínda que non é o plan que nos gustaría ter, xa o dixemos. Se agora renegan, eles saberán por qué o fan. Agás en cuestións moi puntuais, a Xunta avalou os nosos cambios.

-Un dos cambios que cuestiona é a redelimitación do solo urbanizable industrial por colisionar co plan sectorial de áreas empresariais...

-É verdade que un plan sectorial prevalece sobre o plan xeral, haberá que adaptalo sí ou sí.

-A Xunta insta tamén a desprazar os campings de Cirro e San Pedro. É un tema que xa estaba enriba da mesa?

-O certo é que me sorprende que non se comentara nada disto antes, ben sexa no informe previo á aprobación inicial ou na memoria ambiental. Si non poden estar alí haberá que buscarlles outra ubicación terra adentro, pero penso que a Xunta debería ter dito algo antes, máis que nada polos propietarios.

-Dicía antes que non era o plan xeral que lles gustaría ter. Aproveitarán a ocasión para facer cambios a maiores dos que pide a Xunta?

-Estamos mirando, hai un par de cousas que poderíamos cambiar, pero temos que analizalo.

-Cando estiman que terán listo o plan?

-Hai que mirar todo exhaustivamente, agora ten que ir. A previsión que fixemos é seis meses, pero podería estar antes.