Dende unha gaita cun globo feito fol ata unha conga de cartón revestido dun engrudo de papel e auga e pintado e co parche dunha pandeireta vella, castañolas de cartón e noces e instrumentos con chapas de cervexa como ferreñas. Alumnos de 4º e 6º curso de Primaria do colexio cullerdense Sofía Casanova botan a voar a súa imaxinación para deseñar un instrumento musical con materiais reutilizados e ferramentas e procedementos asequibles par eles e as súas familias, que se implican no proceso creativo, explica a responsable de Educación Musical do centro de Vilaboa, Marga Sampaio.

"O que é unha pasada é a implicación familiar. Fan virguerías. Unha rapaza fixo con seu pai, que é torneiro, unha gaita: pasaron un montón de horas sacando para sacar os flecos, fixéronlle un punteiro con pezas que tiñan pola casa e ata lle meteron palleta. E non ten ronquilla, pero sí roncón, e sona", describe a docente, quen ve no traballo unha vía para "coñecer as cualidades do son, aprender que a música está en calquera parte e só temos que tomar a decisión de incorporala á nosa vida, e que somos música e ao nacer xa temos a voz e a percusión corporal".

Os instrumentos realizados expóñense despois no centro agrupados por familias. O estudo das súas características e do son serve como unha introdución á organoloxía. Tamén para o resto dos alumnos do centro, que visitan a mostra e aprenden dos paneles explicativos que coloca a profesora. Ademais, permite inspirarse na cultura ou tradición familiar, dado que é un centro con alumnos de "distintas nacionalidades", para escoller instrumentos semellantes aos coñecidos e darllos a coñecer aos compañeiros. Tamén fomenta, explica Sampaio, que "nenos de nove ou dez anos saiban que para facer algo hai que pensar", xa que a docente esixe, antes de abordar a construcción, que lle presenten un esbozo en "media carilla" no que expliquen qué instrumento queren facer e cómo pensan executalo, con qué materiais e ferramentas, ademais de poñerlle nome e debuxalo. Para guiar e dar ideas aos rapaces, Sampaio, que traballa sen libros de texto, apórtalles material, aínda que admite que hoxe en día moitos realizan as súas consultas en internet.

Ademais da construcción de instrumentos, actividade que a mestra fai dende hai polo menos tres lustros e que, asegura, se fai de xeito semellante "en moitos centros, nos que hai tamén docentes comprometidos co ensino público", Sampaio promove unha busca dos sons de cada familia. Aos de 5º curso pídolles un árbol xenealóxico coa canción de cada familiar para que fagan durante o Nadal. "Serve para que se acheguen aos seus familiares, hoxe que vivimos mais en compartimentos estanco, e para que escoiten música que se non non coñecerían", sinala a profesora.