O Concello de Cambre convoca mañá aos donos de gatos para homenaxear ao escritor Carlos Casares, ao que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. O acto será no parque da Igrexa ás 13.00 horas. O Goberno local fai un chamamento aos donos destes animais para reunirse para así lembrar a unha das figuras do universo literario de Carlos Casares, o gato Samuel. Quen o desexe poderá "adicarlle unhas verbas a súa mascota" neste acto, segundo anuncia o Concello cambrés.

A Plataforma Amigos do Pasatempo de Betanzos tampouco quixo quedarse atrás e organiza unha actividade para localizar doce obxectos "tipicamente galegos" que estarán ocultos no parque enciclopédico da vila betanceira, segundo destacan os promotores. Esta iniciativa comezará ás 11.00 horas do mércores. Haberá premios para os primeiros que logren superar este reto.

Betanzos acollerá tamén este mércores o espectáculo de narraciónn oral Unha viaxe ao mundo de Carlos Casares que organiza o Concello. Será ás 18.30 horas no Cine Alfonsetti. Esta actividade será gratuita ata completar o aforo.

O Concello de Sada programou para mañá o espectáculo Menú da Noite, que protagonizará o actor arousán Carlos Blanco e o ilustrador pontevedrés Luis Dávila. As entrada poderán mercarse a un prezo de 3,50 euros na máquina expendedora da Casa da Cultura. Por outro lado, o Concello de Arteixo celebrará o Día das Letras Galegas co seu tradicional homenaxe a Manuel Murguía. Este mércores ás 13.30 horas realizarase a ofrenda floral na urbanización de Sol e Mar.

O venres desta semana tamén se coñecerán os gañadores do certame literario Manuel Murguía, que organiza o Concello de Arteixo desde hai 26 anos. A entrega de premios será no centro cívico cultural ás 20.00 horas.

Unha feira de artesanía. Esa é a actividade que realizará o Concello de Culleredo mañá. A plaza Europa acollerá esta iniciativa desde as 12.00. Dous grupos de folk, Catalmibre e Ancoradoira, tocarán música galega durante a feira. Tamén haberá obradoiros circenses pensados para os nenos pola tarde. As actividades infantís trasladaranse ao Edificio de Servizos Múltiples en caso de que chova. No Auditorio do Conservatorio de Culleredo celebrarase un concerto especial polo Día das Letras Galegas ás 19.00 horas.

O Concello de Oleiros difunde desde principios deste mes a obra de Carlos Casares nas bibliotecas de todo o municipio. O día 31 deste mes proxectarase o documental Contando a Carlos Casares, no que participan familiares e amigos do autor homenaxeado. Será no auditorio de A Fábrica de Perillo. Será ás 20.30 horas.