Os actos para a celebración do Día das Letras Galegas tiveron un cartel de excepción onte no colexio Wenceslao Fernández Flórez de Cambre. A gaiteira Susana Seivane, veciña de Cambre e nai e tía de alumnos do centro, interpretou varias pezas para os estudantes e profesores do centro, acompañada do seu fillo de tres anos, que apunta maneiras co tambor, do seu sobriño, que tocou a gaita, e da súa irmá, que tocou a pandeireta. Ademais, estudantes do colexio cambrés prepararon varios bailes tradicionais, que interpretaron ao son da gaita dunha das músicas máis recoñecidas de Galicia, explican a diretora e o xefe de estudos, Ana Rial e Álvaro Castro.

"Ofreceuse ela a participar nos actos polo Día das Letras Galegas. Como é nai e tía de alumnos do centro, propuxo participar e tocar algo cos rapaces", explica a directora, Ana Rial. "Plantexounos a idea de vir tocar a buscou tamén a participación dos nenos. Ademais de tocar co sobriño e o fillo, participaron dous grupos de baile, que actuaron mentres tocaba", sinala o xefe de estudos.

Para preparar as pezas de baile, os alumnos, preto de vinte, preparáronse antes da xornada con persoal do centro que ten coñecementos sobre baile tradicional. Os bailadores que onte danzaron ao son da Seivane eran de diferentes cursos, dende primeiro ata sexto de Primaria. "Ela coordinou a actividade e animou moito a actuación, veunos xenial a súa colaboración", asegura Castro.

A música interpretada por Susana Seivane e acompañantes e os rapaces que bailaron formaron parte dos festexos organizados polo centro con motivo da conmemoración, hoxe, do Día das Letras, que incluiron a participación de máis alumnos e profesores de colexio cambrés. As actividades estendéronse ao longo dunhas dúas horas, explica o xefe de estudos.

Entre as iniciativas programadas atopábase tamén unha lectura de poemas do autor ao que se lle dedicar este ano o Día das Letras, Carlos Casares. Ademais, os estudantes tiveron ocasión de coñecer mellor datos biográficos do autor, explica Castro.