Unha zona en principio tan urbanizada coma Rialta en Oleiros está camiño de ser un polo empresarial vinculado ao traballo da terra. Alí está un importante produtor de flor que vende a todo o mundo, xunto cun produtor de agricultura tradicional. E agora, ao lado, está tamen o mozo Roberto Porta, de 32 anos, veciño da zona que acaba de converterse no primeiro beneficiario dun dos microcréditos para emprendedores froito do acordo entre MicroBank e a Asociación de Desenvolvemento Rural MariñasBetanzos. Vai producir hortalizas ecolóxicas.

- En que traballabas antes?

-Veño dun sector totalmente diferente, traballaba en subestacións eléctricas para unha subcontrata de Fenosa. Era complicado porque estabas moito tempo fóra, momentos no paro... e a unha idade queres ter algo máis estable.

- Tes experiencia traballando a terra?

-Si, gracias á miña avoa, que me levou sempre da man, dende pequeno. E hai dous anos collín unha finca pequena diante da miña casa para traballala, plantei coliflor, brócoli, repolo. E non din feito entre os veciños, acabei todo. Aí é onde vin que podía haber unha oportunidade neste sector, ata meus pais mo dixeron porque os paraban na rúa para falarlles do que eu producía. E así me decidín.

- Para empezar, o grande problema que teñen os emprendedores hoxe é o financiamento.

-Si, por iso creo que o proxecto dos microcréditos coa Asociación das Mariñas é unha boa idea. Danche ata un máximo de 25.000 euros, finánciache ata o 95%, aínda que eu pedín moito menos, algo máis de 10.000, porque xa fago eu unha aportación inicial, uns 18.000 euros. A verdade é que á Reserva da Biosfera é a quen lle teño que agradecer máis, danche o apoio que necesita todo emprendedor, apoio moral e económico. Se tes un bo proxecto e é viable, eles son os que mellor te poden apoiar e axudar.

- Qué condicións ten o crédito?

-É a un 6% de interese pero sen cotas de amortización nin de apertura nin nada. E aválate unha entidade bancaria, non tes que poñer a túa casa como aval, que é algo importante.

- Na presentación deste primeiro microcrédito, que se fixo hoxe [por onte] en Abegondo, o responsable de Microbank destacou que che concederan a financiación porque tiñas un plan de negocio bo e eras unha persoa capacitada.

-Si, o plan de negocio foi a miña prioridade, estiven bastante tempo facendo o estudo de viabilidade, ver se tería aceptación, sobre todo neste tempos, se tería saída.

- Qué extensión tes de terreo?

-Uns 8.000 metros, 840 en invernadoiro e o resto ao aire libre. Parte dos terreos é propia e outra é de aluguer. Moitos me dixeron que volvía ao rural nunha zona urbanizable, porque dase o caso que os terreos son urbanizables. Hai previsto no plan xeral un desenvolvemento dunha urbanización pero non é para agora, sobre todo nestes tempos. Ademais, se fose necesario o traslado, xa teño previsto outros terreos, rústicos.

- O concelleiro Rodrigo López xa dixo na presentación que era un uso autorizable no solo urbanizable. E en que proceso estás?

-Estamos poñendo todo en marcha, montando os invernadoiros, empezando a plantar a terra, facendo o pozo... Pensamos sacar a primeira producción na primeira ou segunda quincena de setembro.

- Un dos piares do emprendemento é ter xa asegurados aos clientes, a distribución.

-Si, precisamente producimos xa en setembro porque queremos servir aos comedores escolares ecolóxicos. Estase constituindo unha asociación de productores ecolóxicos da comarca, son cinco produtores, eu súmome agora, e eles xa reparten en tres garderías e un colexio, e temos previstos servir a máis.

- Só vas vender a colexios?

-A nosa aposta son os ecocomedores escolares pero tamén a venta directa na explotación e o reparto a domicilio con cestas personalizadas. As tres cousas, todo producto ecolóxico e só de temporada. Eu quero reivindicar e concienciar á xente de que se queres tomate galego, non o vas ter en xaneiro, de Almería si. Aposto polo producto de cercanía, canais curtos, vender directamente ao consumidor, sen intermediarios.