As pezas da mítica agrupación Os Mariñáns de Guísamo volveron soar onte nunha emotiva homenaxe que abriu o festival de folk da localide bergondesa. Ao tributo a esta sobranceira banda fundada en 1927 e que percorreu Galicia ata entrados os oitenta asistiron dous dos compoñentes e varias xeracións de veciños e agrupacións folclóricas vencelladas polas partituras dun grupo que "puxo a banda sonora dunha época nas que os gaiteiros eran o principal reclamo das festas e romarías", en palabras do promotor da homenaxe, o mestre de música tradicional Pedro Lamas.

Este docente remexeu durante cinco anos nas hemerotecas e arquivos e recolleu testemuñas dos Mariñáns e dos seus descentenes para rescatar do esquecemento a historia dun cuarteto que pode presumir, entre outras xestas, de gravar nos anos sesenta con Columbia un disco que marcou unha época, tanto no país como entre a emigración galega. Na portada do LP poden verse aos catro integrantes máis representativos dos Mariñáns: Gerardo Patiño Franco e Juan Gómez na gaita, Antonio Patiño na caixa e Avelino Sánchez, máis coñecido como Mallou, no bombo.

Pedro Lamas repasou no acto a traxectoria dos Mariñáns. Os seus inicios a finais dos vinte, a sua actuación no San Roque de Betanzos de 1934 xunto á Banda Municipal de Santiago, os anuncios das actuacións do "afamado cuarteto" nos trinta, os tempos de silencio pola Guerra Civil ou a emigración, a volta a casa... Anos en que "a sona do grupo non parou de medrar", recorda Pedro Lamas: "Non había festa ou romería que se preciase que non contase cos Mariñáns para darlle lustre aos seus festexos".

O tributo puxo nome e apelidos á súa historia, lembrou a todos os músicos que pasaron a formación, desde os máis representativos a outros que tamén deixaron pegada e que, en moitos casos, pasaron a formar parte doutras agrupacións: José Freire, Eduardo González, Carlos Castelos, Pepe Patiño, Hilario González, Pepe Ferreiro, Amador Martínez, Valentín Bayo, Juan Brea, Julio Carro... Músicos que pasaron a formar parte do cuarteto do Tío Chinto, Os Freires de Oza, Enxebres de Meixigo, Os Catro Irmáns da Xesta, Labregos da Cruña ou Alborada de Sada. Integrantes dalgunhas destas bandas, dous dos compoñentes dos Mariñáns, os seus descendentes e xeracións vencelladas á súa música posaron onte nunha fotografía de familia. Foi un dos momentos máis emotivos, precedido da interpretación dunha das pezas da agrupación, O pasodoble das Mariñas, polos alumnos das escolas de folclore da comarca.