Arteixo medra, e medra moito. De feito, segundo os últimos datos, xa superou os 32.000 habitantes. É, pois, unha das poucas illas de expansión demográfica no medio dunha Galicia avellentada. A fortaleza do seu tecido produtivo e uns prezos da vivenda moderados son as bases en que asenta este crecemento.

Ao dar un paseo por Arteixo é fácil reparar na cantidade de nais e pais paseando os seus bebés, e os moitos nenos e nenas que brincan nos seus parques infantís. Non obstante, en Arteixo hai outro grupo de poboación que abunda case tanto como o da infancia: os adolescentes. Son moitos e, nun futuro próximo, segundo nos indican os datos demográficos, van ser moitos máis.

Así, se no ano 2000 os nacementos no concello foron 214, en 2005 eran 309, en 2010 alcanzaron a cifra máxima de 390, para seguidamente diminuír, andando por volta dos 300 a partir do ano 2012 ata a actualidade.

As rapazas e rapaces que naceron no ano 2000 andan (ou deberan andar) este curso no segundo de Bacharelato ou no final dun ciclo formativo intermedio. Están a punto de deixar a educación secundaria. As rapaces e rapazas que naceron en 2005 entraron este curso nos institutos de ensino secundario para cursar primeiro da ESO. Así, e a modo de simple exemplo, no IES Manuel Murguía neste curso académico 2017/2018, hai tres aulas de segundo de Bacharelato, mentres que son sete as aulas de primeiro da ESO. Van saír tres e entraron sete. En fin, que o baby boom de principios deste século nótase, e máis que se vai notar nos próximos anos.

Neste contexto, de case explosión demográfica, o lóxico sería que se estivese a construír un novo instituto en Arteixo, ou polo menos, que estivese prevista a súa próxima construción. Infelizmente isto non parece ser así. Segundo informou LA OPINIÓN o pasado sábado día catro de novembro (e de novo o venres 10) nunha reunión, entre o conselleiro de Educación co alcalde e coa concelleira de Relacións coa Comunidade Educativa de Arteixo, acordaron a construción dun novo centro de educación infantil e primaria, o que é unha excelente noticia. Non obstante, polo que parece, decidiron tamén deixar as cousas máis ou menos como están no tocante a centros de secundaria.

Esta decisión parécenos un tremendo erro. Os tres institutos actualmente existentes en Arteixo dificilmente poderán asumir, nunhas condicións minimamente razoables, a demanda que se aveciña nos próximos anos. Por exemplo, o IES Manuel Murguía, o maior dos institutos do concello, ten actualmente máis de 800 alumnos, o número medio de alumnos por aula é de 26 (28,57 en primeiro da ESO) e simplemente non pode aumentar o número de grupos por curso: non ten máis aulas. Que farán no IES Manuel Murguía no ano 2022 cando entren os nacidos en 2010?

A falta de oferta de prazas escolares en Arteixo xa está levando neste momento á emigración educativa dunha parte significativa dos nenos e nenas. Nais e pais, preocupados ante a masificación e degradación dos centros educativos de secundaria, tentan encontrar fóra do concello o que nel non se lles oferta. Isto non é bo para os que marchan, pois supón un incrementos de gasto de tempo e diñeiro, para alén de provocar o desenraízamento das rapazas e rapaces. Tampouco é bo para os que quedan, pois implica un proceso de selección negativo.

Todo isto seguramente se agravará nos próximos anos se non se procuran solucións. Previsiblemente aumentará á masificación nas aulas e medrará, consecuentemente, a emigración educativa. Masificación e emigración educativa, os dous ingredientes básicos para crear centros educativos gueto.

Arteixo necesita e merece urxentemente un novo instituto. Necesítao rápido, dentro de dous ou tres anos ao máis tardar. Señores da Consellería de Educación e do Concello de Arteixo, repensen o asunto e procuren a forma de dotar o municipio dun novo centro de secundaria. Se non fixeren, están a pór en serio risco a educación dos nosos fillos e fillas. Por outro lado, non deixaría de ser paradóxal que á porta de Inditex, onde se transforma o coñecemento en riqueza económica, xurdisen centros educativos gueto.