Ante a nova situación creada polas adaptacións do tráfico que se realizaron polas obras do sifón da avenida Che Guevara, vémonos obrigados a realizar un cambio nas demandas á administración; non se trata dunha modificación nos principios que nos levaron á creación da plataforma, simplemente estannos obrigando a realizar unhas accións máis contundentes e con máis urxencia, dado que se antes do 13N (13 de novembro) había un problema dunha densidade esaxerada de tráfico que dividía Perillo, a actuación da Administración levou as nosas reivindicacións a unha situación límite, xa que temos unha auténtica autovía por diante das nosas casas, prazas e comercios cun claro risco para a seguridade na zona.

Estes días na prensa falan moito sobre a N-VI, os atascos e as solucións, e desde o meu punto de vista non entenden, ou non queren entender, cal é o problema de fondo; fagamos un pouco de historia, o deseño actual das estradas españolas fíxose nos anos 20 e desenvolveuse nos 60 co famoso plan Redia. Isto presupoñía que todas as carretas nacionais (as radiais) tiñan como epicentro Madrid e como finalización unha capital de provincia (por exemplo Vigo non era final dunha "radial"), desde unha visión centralizadora que era a idea do que debía ser España, onde non se valoraban as necesidades reais da economía e moito menos dos cidadáns deste país. Esta visión era a que marcaba tamén as liñas do transporte colectivo (distingamos de público), así temos que todas as liñas de autobús da comarca teñen como epicentro A Coruña. Esta visión, retrógrada e decimonónica, a Galicia e en concreto á comarca das Mariñas perxudicouna moito principalmente pola súa situación xeográfica. Coa chegada da mal chamada descentralización do Estado as cousas deberían mellorar, con todo a situación manténse igual; a obsesión centralizadora do Estado é tan grande que chega ao absurdo de trasladar o Cantábrico a Valladolid e Madrid, como o demostra o feito que o eixe Cantábrico para o transporte de mercancías por ferrocarril, no tramo español (non así no portugués) vai desde Oporto a Madrid e Valladolid, perxudicando claramente a Galicia e Asturias, para os que se mantén a A8 (e as súas néboas) como prioritaria.

Pero volvamos ao problema que nos incumbe, vista a mentalidade do Estado sobre o deseño de estradas e a nula importancia que lle dan aos cidadáns, primando o vehículo sobre eles, é o que provoca este problema, unido ao descoñecemento da realidade demográfica galega desde Madrid. ¿E cal é o problema real de Perillo na actualidade? Pois que esta zona do concello converteuse nunha zona urbana, coa desgraza de estar no límite dunha cidade que só se mira o seu embigo, e as comunicacións non se adaptaron a esta realidade nunca co que levamos uns sesenta anos de atraso, que implican os déficits de desenvolvemento como núcleo urbano. Perillo é un núcleo dividido en dous por un muro de asfalto e 80.000 vehículos diarios, si facemos unha comparativa a M-30 de Madrid ten unha media de 304.000 vehículos/día e, máis ou menos, no plazo que nós levamos esixindo medidas contra a situación desta zona gastáronse 7.000 millóns en enterrar a vía madrileña e chegaron a un acordo para a cesión da mesma ao Concello. E digo eu ¿por que Madrid sí e Perillo non? Pero hai máis comparativas: o tránsito por Fonteculler é menor que por esta zona e acában-lle de dar a titularidade desta vía ao Concello, e volvo preguntar ¿por que Culleredo sí e Perillo non?. Qué curioso que nin en Bergondo (Guísamo), nin Sada, nin Oleiros, nin A Coruña (Alfonso Molina e avenida da Pasaje) se poida pasar a titularidade aos concellos (pese aos problemas de tráfico, de convivencia, de seguridade que provoca nestas zonas a N-VI). Nesta mesma situación podemos incluír a O Temple (Cambre) e "a súa" Costa da Tapia. Ten que ver co principio desta exposición, o carácter centralista do estado español e as súas ataduras a tempos pasados.

É curioso escoitar como din "agora non hai atascos" (dende o 13-N), pero ¿a costa de que e de quen? Deben entender, neste caso tanto na Coruña como en Santiago e como en Madrid, que Perillo non é un lugar de paso, é unha zona urbana, como o Obelisco, a Alameda ou a Gran Vía. Que os nosos fillos queren xogar en prazas onde non teñamos que estar pendentes de si o balón se escapa ao "muro dos 80.000", onde os nosos mozos poidan cruzar a rúa para ir dun establecemento de hostelería a outro, onde non teñamos que coller o coche para ir comprar, onde os traballadores da zona non se xoguen a vida para ir ao seu posto de traballo, onde os nosos maiores poidan ir tranquilamente ao paseo da Ría, etc.

Cal é a solución? Desde o noso modesto punto de vista, a solución é elemental e é a mesma que se está desenvolvendo en toda Europa, retirar vehículos das estradas. Para iso é necesario potenciar o transporte público, tanto de persoas como de mercancías; cantos máis viais nas estradas máis coches haberá nelas.

Aínda que nestes momentos, e dado que esa é unha política da que os gobernantes, administración central autonómica, provincial e local (non vale mirar a outro lado), deste país só falan cando hai eleccións, nos debates parlamentarios e cando os medios de comunicación organizan eventos teóricos, en Perillo temos unha prioridade e é que se volva á situación do tráfico anterior ao 13-N para desde aí reclamar o que é xusto, o que é democrático, o que é progreso, o que en definitiva desexamos os que nesta zona de Oleiros decidimos vivir, e non que teñamos que facer caso dun garda civil que me dixo o outro día: "Isto é unha N-VI e si non lle gusta venda o piso e váiase". Para conseguir estes fins, estas son as nosas reivindicacións:

1º Inmediata reposición do tráfico á situación anterior ao 13-N e inicio das obras prometidas na zona.

2º Implantación dun transporte público e metropolitano de forma inmediata, máis frecuencias e máis horas (non pode empezar o servizo ás 7 da mañá e acabar ás 10.30), que non haxa que percorrer 18 kilómetros para ir de Perillo a Arteixo, cando pode facerse en oito ou nove kilómetros (se non temos que ir á Coruña).

3º Eliminación do tránsito de vehículos pesados.

4º Municipalización da avenida das Mariñas e a N-VI desde Betanzos, así como da Costa da Tapia.

5º Desenvolvemento metropolitano das políticas de Movilidade e Urbanismo.

6º Creación XA do área metropolitana, orientada á unión municipal da zona, incluíndo Arteixo.