A Deputación leva 19 anos co servizo de atención domiciliaria a persoas maiores que viven nos concellos de menos de 50.000 habitantes e Servizos Sociais constata o aumento de usuarios dun ano para outro. No 2017 atendeu neste servizo a 2.329 persoas, con 500 novas altas respecto a 2016, e xestionáronse 38.632 chamadas de usuarios que premeron o botón roxo. Moitas destas alarmas, case 6.000, son clasificadas como erros, maiores que premen o botón para comprobar se funciona, se realmente hai alguén ao outro lado que está pendente deles, pero moitas son en realidade para falar porque ao mellor son persoas que viven soas e non falaron con ninguén en todo o día.

"Moitas das chamadas por erro prodúcense cara o final do día, cando a soidade se fai máis intolerable", contou onte a responsable deste programa provincial, Chus Aradas. Agora mesto hai 2.087 usuarios do programa e 345 son maiores de 90 anos, a meirande parte mulleres (só 45 son homes). O servizo diríxese a maiores de 65 anos non dependentes, con prioridade para os que viven sós todo o tempo ou gran parte do día. Ao outro lado do teléfono, os 365 días do ano, os profesionais preocúpanse deles, de saber se lles pasou algo ou se se lembraron de tomar a pastilla.

A Deputación contratou unha campaña para espallar este servizo e os seus beneficios entre os maiores, co fin de "evitar internamentos innecesarios, posibilitar a integración no seu entorno, intervención inmediata en crises persoais, sociais ou médicas,detectar situacións de risco, darlles seguridade e tamén acompañamento", destacou a diputada Ánxela Franco na presentación onte desta campaña Contigo Mellor, coa que se repartirán carteis e folletos entre asociacións, hospitais e centros de saúde.