Silvia Seixas é concelleira do BNG en Arteixo dende 2003 e exerce de voceira dende 2007. Polo momento non aclara se se presentará ás próximas municipais. Asegura que fará o que sexa "mellor" para a organización.

- Como califica o traballo do BNG en Arteixo durante este mandato?

-Un traballo intenso, como habitualmente. Nunca se baixou moito a intensidade. Evidentemente con dificultades, porque no concello hai un maioría absoluta importante. Hai moitos concelleiros do grupo de goberno que teñen dedicacións exclusivas e ademais teñen tres persoas a maiores. A igualdade de condicións neste caso é dispar.

- Neste mandato parece que o BNG en Arteixo está menos activo comparado con anteriores mandatos.

-Moitas veces os ritmos tes que marcalos en función das propostas que vaias tendo. Nunca se baixou realmente o nivel de intensidade. Tamén é certo que os tempos mudan e a política tamén. Socialmente todo está moi modificado. É moito máis inmediato. Na política ás veces os tempos son lentos.

- No mandato do bipartito o BNG foi máis duro co Goberno local e estaba máis activo comparado coa actualide.

-Os gobernos en minoría sempre son diferentes. A oposición máis dura foi entre 2003 e 2007. Pola situación tan importante que había. Ese foi o mandato máis duro a nivel político e persoal. O outro era máis unha situación de negociación porque había un goberno en minoría. Iso é positivo. Non está mal que haxa gobernos en minoría. Se hai políticos dispostos a colaborar sempre se pode chegar a acordos. As maiorías absolutas mal exercidas, e en Arteixo hai experiencia niso, son nocivas a longo prazo.

- O bipartito acusou ao BNG de bloquear por non votar nunca a favor, xa que o PP votaba en contra por sistema.

-A verdade é que xa fai tanto tempo que nin me lembro. Non lle dou maior importancia. Poderíamos calificar de moitas maneiras como se negociaban as cousas e a actitude que había. Cousas que pasaron hai once anos non sei se teñen agora algún tipo de importancia.

- Vaise presentar como candidata nas municipais de 2019?

-Estamos a máis dun ano. Todo ao seu tempo. Dende logo coa máxima transparencia. Mirando dende logo o que sexa mellor para a organización e para a candidatura.

- Atópase con ganas de presentarse nas municipais?

-Sempre teño ganas de todo. A política local é terrorífica e bonita, pero é terrorífica no curto. Encóntraste moito coa xente. Estás máis vulnerable a todo tipo de rumores e de mentiras. Logo é moi bonita no inmediato. Estás no supermercado e atópaste cos veciños.

- En 2015 o PP sacou moi mal resultado na maioría de municipios e en Arteixo subiu. Por que?

-A xente igual valorou positivamente o seu traballo. Eu non o valoro tan positivamente.

- O BNG en cambio baixou, por que?

-Hai que facer autocrítica. Quedamos a nove votos do terceiro concelleiro. Os datos están para analizalos. Pode ser que non lles gustara o tipo de oposición ou que haxa que ser máis contundentes. O BNG ten unha eiva importante, xa que temos que traballar máis a introdución social. A nosa ideoloxía é nacionalista e evidente que iso non é maioritario na sociedade galega. Cóstanos chegar cos nosos posicionamentos. Dende logo eu non abandono a ideoloxía que teño.

- Arrepíntese de algo nos quince anos que leva como edil?

-Arrepentirme, non. Si que mudaría posicionamentos e formas de dicir as cousas. Co paso do tempo as cousas vénse de maneira diferente. Arrepentirme? Arrepintiríame se fisexe un dano potente a alguén. Se non lle fas dano intenciondamente a alguén todas as posicións que poidas ter en política se poden entender. Sempre que se fagan na política e non no persoal. Eu sei separar a política do persoal. Non sei se todo o mundo ten claro. A min téñenme pasado comportamentos que podería poñer enriba da mesa.

- Por exemplo?

-Comportamentos de xente que te ameaza.

- Ocurríulle máis dunha vez nestes quince anos?

-Por suposto. Xente que está con rumores e que sei de onde veñen. O peor que levas é que metan a túa familia. Se teño algo de que arrepentirme, é de meter a miña familia na miña actividade política e que a xente non o saiba separar. Iso o practica moito o Partido Popular.

- Agora tamén?

-Tamén.