Enrique Conchado, de 9 anos, achégase tímido á veciña e exalcaldesa de Oleiros Esther Pita levando na man, agochada, unha pequena fotografía. "O outro día falastes do tío Manoliño de Pita, Papa Gordo, e da lancha de vela que tiña en Santa Cruz. Era meu tataravó", dí o rapaz amosándolle a vella imaxe. Esther, xunto con Toñuca Ojén, Lola Abelenda e Puri Vázquez, son catro integrantes dos obradoiros de memoria que imparte o Concello (dentro do programa de envellecemento activo) e que como voluntarias participan nesta iniciativa interxeracional de contarlles aos escolares como era a vida cando elas eran nenas, as carencias que había, e tamén ensinarlles xogos e vellas cancións que os deixan encandilados. Conseguen facelos desfrutar sen usar videoxogos, móbiles nin televisión, ao descubrirlles o poder da imaxinación e do xogo puro.

"Eu estou vivindo o que nunca vivín cos meus fillos, estou feliz!", asegurou Lola Abelenda ao preguntarlle que lle supón esta iniciativa cos máis novos. "Eu estaba nun momento baixo, sempre na casa, e participar nesto supúxome volver a vivir, sentirme nena de novo!", expresou Esther Pita.

"É unha experiencia moi enriquecedora para as dúas partes. A elas dálles un subidón e os nenos aprenden moitas cousas e tamén contan as historias da súa casa porque lles preguntan aos avós", sinala María Mosquera, educadora social e responsable dos obradoiros de memoria (once en total).

"O que máis lles impacta é o vocabulario, palabras que non coñecían, e os xogos antigos. Para eles, que están tan sobreestimulados e ocupados, este tipo de convivencia interxeracional é un golpe de realidade. E non só interaccionan cos avós, tamén cos bisavós, unha xeración máis", conta Carmen Ríos, unha das titoras dos rapaces do colexio Isidro Parga Pondal onde onte tivo lugar esta experiencia.

- Que é o que máis che sorprendeu do que contaron estas mulleres sobre a súa nenez?

-Non había wifi! -di rápida e abraiada Adriana, de nove anos.

-Nin o Clash Royale! -engade.

-O que?

-É un videoxogo.

É o terceiro ano que o Concello leva a cabo esta iniciativa de xuntar aos maiores dos obradoiros de memoria cos rapaces da ESO nun encontro moi positivo para as dúas partes. Este ano fano cos alumnos de cuarto do Parga Pondal e cos de terceiro do Valle Inclán de Perillo. No centro de Santa Cruz na primeira sesión as maiores explicáronlles que unha das actividades da Semana Cultural da localidade, o asalto ao castelo, foi realidade, elas participaron nesta toma da illa que pertencía aos militares, e tamén se pecharon en As Torres e conseguiron que se construise o seu colexio, o Parga Pondal.

Na sesión de onte afondaron neste temas, remarcando o importante papel que tivo a muller na historia desta localidade. "Estabamos na comisión de festas as mulleres, o pobo axudaba, traía tortillas e filloas. E nunha festa rifamos un coche, non apareceu o premiado e todas pensamos que podíamos facer con tantos cartos, e decidimos que unha biblioteca dedicada á muller, e aquí está en As Torres a biblioteca municipal e centro de documentación da muller Rosalía de Castro", contou Toñuca Ojén.

Un dos casos que máis abraiou aos estudantes foi o de Lola Abelenda, pola dura vida que levou e pola paixón que pon para ensinarlles todo aso nenos, da forma máis didáctica, deixando albiscar o boa profesora que tería sido se nacese noutras circunstancias. "Eu aos sete anos fun servir para unha casa. Ía coas vacas ás seis da mañá e estaba alí no prado, facía unha cama coas herbas e durmía nela. Eu aprendín a ler e escribir de vella, con 69 ou 70 anos, nun dos talleres con María. Quedei viúva con 33 anos, criei aos fillos soa, fixen a casa soa, traballei moito. Que desgracia é non saber ler nin escribir!", lembra con moita emoción esta extraordinaria muller. Curiosamente, as catro mulleres do obradoiro quedaron orfas de pai moi novas.

"Eu de pequena non o pasei mal. Meu pai marchou a Venezuela cando eu tiña catro anos e morreu alá. Crieime con miña nai e miña avoa. Miña nai sacrificouse moitísmo para que eu tivese unha vida mellor. Axudáballes os sábados e domingos. Sentíame ben ao axudar aos maiores", explicou Esther Pita. "Eu aos seis anos quedei sen pai, fun ata os catorce á escola. Facía os deberes e logo ía á fonte coa sella, collía auga no río para facer a encaldada das vacas e despois ía xogar ao centro do pobo, no medio da carretera, porque pasaba como moito un coche en toda tarde", contou Toñuca.

"Eu con seis anos morreume meu pai, fun ao colexio ata os catorce tamén e despois miña nai meteume a coser, e cosín toda a miña vida", relatou Puri. As mulleres contáronlle aos nenos como antes se ía lavar ao río, o que desemboca na praia de Santa Cruz. "Levabas un saco coa roupa e unha táboa de madeira e lavabas de rodillas", dixo Esther. "Algún de vós sabe lavar?", preguntou Lola.

"Eu mánchome moito, sobre todo de tomate, e miña nai tenme media hora rascando a camiseta cun cachiño de sabrón", soltou unha rapaza. "Eu uso cebralín", apuntou, práctico, un neno.

Esta xornada interxeracional de relatos de vivencias rematou cunha sesión de cancións que entonaban as maiores cando eran nenas e tamén lles ensiaron xogos da época. Cantaron este paxariño era bonitiño, viña da ribeira, da beira do Miño; tamén a la rueda rueda, de pan y canela; e aprenderon un xogo que lles encatou, o pasimisí pasimisá por la puerta de Alcalá.

"Nenos, hai moitas formas de divertirse. Nós non tiñamos nada mais que imaxinación", sinalou Esther. "Eu non tiña cartos para comprarlles xoguetes aos meus fillos e cun pau de bieiteiro e outro de toxo, fíxenlles escopetas. E un tirabalas, e antes de que puidese mercar pelotas fíxenllas cos papeis de aluminio nos que se envolvía o chocolate. E facía eu os adornos de Nadal, que pegaba con pataca cocida. Hai que buscar na cabeza, tedes que discurrir", engadiu Lola. Algunhas das nenas, e tamén un neno, contaron que xa sabían coser, para alegría das maiores.

"Sorpréndelles moito que tivesen que madrugar tanto cando eran nenas, erguerse ás seis da mañá... No colexio de Perillo traballamos co tema da ría, os traballos que se facían antes, que non había a ponte... Ensinámoslles imaxes antigas, nas que non había nada, poucas casas, e o primeiro que lles chamou a atención foi 'non está o chino', o local que está en Perillo", contou Élida Ferreño, coordinadora do programa Envellecemento Activo.