No Medievo o galego era a lingua da lírica en practicamente todo o Estado español e falábase nas cortes reais. En tempos de perda progresiva de falantes, hai que lembralo e falalo máis ca o 17 de maio. Pero o 17 de maio tamén. Na comarca coruñesa os concellos fan unha exaltación moi dispar deste día, desde os que non programan nada ata os que apostan polo folclore ou os que si fan unha programación completa coma Sada e Bergondo.

Na Casa da Cultura de Sada presentáronse onte tres libros escritos por sadenses o ano pasado e cantou Bea a da Estrela. Despois, unha compañía teatral representou unha obra inspirada na autora homenaxeada este día, María Victoria Moreno. Ademais mañá sábado o mago Martín Camiña fará un espectáculo de maxia en lingua galega.

O Concello tamén organizou dous concursos, Café con Verbas e un de encher de versos os escaparates. Tamén completo, e relacionado coa fala, a literatura e Victoria Moreno, é o programa de Bergondo, que onte incluiu actuación de gaiteiros e unha ofrenda floral pero que xa viña festexando dende o 14 de maio con espectáculos de poesía e teatro para escolares e un obradoiro.

Carral apostou por instalar paneis sobre a vida e obra da escritora polas rúas. Culleredo trouxo á Feira de Artesanía a grupos folclóricos. Betanzos programou un espectáculo infantil sobre a historia do idioma galego. En Abegondo houbo danza clásica e galega. Cambre programou unha obra de teatro. En Arteixo unha asociación, Triskell, se responsabilizou de organizar unha exposición sobre a escritora, lectura de poemas e merenda. En Oleiros non se programou nada para onte, mais haberá un espectáculo o domingo.