O Concello de Curtis e a Deputación da Coruña culpáronse un ao outro polo singular caso que aconteceu o pasado mércores: unha empresa contoulles uns contos en castelán a nenos dos colexios de Infantil e Primaria de Curtis e de Teixeiro que ían a escoitar narracións en galego con motivo do día das nosas letras. O Executivo acusou á entidade provincial porque é a que escolle as compañías que lle oferta aos concellos, e esta institución lle retrucou que os concellos son os que escollen qué espectáculos queren do catálogo que se lles ofrece, e neste catálogo hai obras en castelán e en galego. Ao final nin Curtis nin Deputación tiñan a culpa: o responsable da empresa Proxecto Bulubú, Alejandro Antelo, asumíu a súa responsabilidade, dixo que fora un erro, pedíu desculpas e comunicou que non cobrará esta actuación.

O Goberno local de Curtis quixo responsabilizar á Deputación do acaecido porque a compañía foi contratada a través da Rede Cultural deste organismo, dentro do programa Escena ao vivo, e as bases de dito programa, segundo destacaban, pretenden fomentar "o uso e normalización social da lingua galega", polo que lle resultaba "inexplicable" que as compañías que o órgano provincial incluíu nesta rede puidesen "desenvolver unha obra en castelán". O Executivo fíxolle chegar á compañía o seu malestar e anunciou que enviaría cartas de desculpas ás directivas dos centros escolares é as asociacións de pais, e un informe á Deputación.

O asesor de Cultura da Deputación, Xabier Campos, explicou que a Rede Cultural da Deputación é un catálogo moi longo de espectáculos que se lle ofertan a cada concello para que elixa, polo que "é o concello o que escolle e programa". Engadiu que cando se abre a convocatoria inscríbense as empresas interesadas e meten no catálogo ás que cumpren os requisitos. Dentro desta Rede Cultural hai un programa de películas, por exemplo, que inclúe tanto as feitas en galego como outras nacionais e internacionais. Pero nesta Rede hai un programa que só oferta en galego (Lingua a Escea), no que pudo elixir Curtis, e respecto ao de Escena ao vivo ainda que dí que ten que fomentar o uso do galego, non exclúe as pezas en castelán. O criterio é que as compañías e artistas teñan domicilio fiscal na provincia da Coruña.

"Eu sei o que é levar cultura nun concello pequeno e sempre comprobaba a experiencia das compañías antes de contratalas", precisou Xabier Campos. Na ficha coa que se inscribiu Bulubú dicía que o título do seu espectáculo era Contos Bululeiros, polo que era lóxico pensar que se representaría en galego.

O responsable de Proxecto Bululú asumiu a súa responsabilidade. "Temos moitísimas actuacións por moitos concellos, algúns queren que o fagamos en castelán e outros en galego. E como era o día 16, non o 17, nin nos dimos conta, foi erro meu. Xa lle pedimos desculpas ao Concello, non se tratou dun agravio ao idioma nin nada semellante, foi só un erro. Levamos dez anos facendo actividades destas en castelán e en galego sen problemas. Non imos cobrar esta actuación", asegurou Alejandro Antelo.

O edil non adscrito Xosé Tomé de Curtis criticou que se fixese a obra en castelán, que levou ao enfado a profesores e ata a algún neno.Tomé reclamou "respeto" para a celebración das Letras Galegas e que non se fixese "burla" da lingua. Algúns, equivocadamente, crían que a compañía era Bululú 2120, que é unha escola de Madrid, pero a que actuou foi Proxecto Bululú de A Coruña (hai varias con este nome dun popular comediante).