ANTÓN LUACES
Outra vez o BNG reclama a transferencia a Galicia de todas as competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña. Faino a través dunha Proposición de Lei para o seu debate na Cámara galega e no Congreso dos Deputados para que se faga efectivo este traspaso.
A do parlamentario nacionalista Bieito Lobeira é unha vella teima que tería aquí, caso de que o Goberno aceptara a proposta, unha finalidade pouco efectiva. Catro anos de goberno co PSOE e o seu amplo coñecemento da realidade do mar na comunidade galega, estou seguro que permiten a Lobeira ter na man datos dabondo como para saber que os problemas do salvamento marítimo e a loita contra a contaminación mariña en Galicia non se solucionan coa transferencia deste servizo. Porque, que ía mellorar, cal sería o beneficio para a xente do mar, de que serviu á comunidade mariñeira contar na Coruña coa sede do Cepreco (Centro para a Prevención e Loita contra a Contaminación Marítima e do Litoral)? Por que non facer fincapé no desenvolvemento axeitado do Plan de Continxencias nos seus distintos eidos competenciais, da terra ao mar e do mar á terra?
A realidade é ben teimuda: A transferencia do Servizo de Salvamento Marítimo a Galicia non permitiría unha maior dotación de medios e persoal, porque significaría a remodelación do Servizo de Gardacostas, polivalente na súa atención aos problemas do mar, complementando ao equipo que Sasemar ten nesta comunidade autónoma, e que admitiría pouco máis do que hai, se é que non se reducía o existente.
Os tres helicópteros situados actualmente en Vigo, A Coruña e Celeiro, poderían ser catro coa transferencia (o cuarto en Fisterra) se a Xunta así o entende dunha vez. Galicia dispón dun avión de recoñecemento pertencente ao Estado do mesmo xeito que medios de remolque e loita contra a contaminación mariña que actúan -algunhas veces mal e tardíamente- cando é necesario, como o fai a flota que a Xunta destina a este mester. Unha trintena de embarcacións de intervención rápida -de Sasemar, da Xunta, de Aduanas, da Cruz Vermella e da Garda Civil- dan cobertura á práctica totalidade do litoral galego. Melloraría o sector marítimo-pesqueiro de Galicia coa transferencia de Salvamento Marítimo a esta comunidade autónoma?
De se repetir un caso como o do Prestige, é probable que non teñamos todos os recursos; pero é que a repetición dunha catástrofe daquelas características non se pode dar novamente, porque algo teremos aprendido, ouh?
No que atinxe ao Cepreco... Bieito Lobeira é coñecedor de que o establecemento do mesmo na Coruña, con Pilar Morandeira ao fronte, non foi outra cousa que unha larpeirada, un chuchamel para que os galegos pensaran máis no futuro incerto que nas indecisións do presente. O Cepreco naceu para morrer de morte súpeta. A súa infraestrutura e algún dos seus funcionarios acolléronse á posibilidade de permanecer ou voltar á cidade de A Coruña mais, estou convencido, sabedores de que o caramelo ía durar pouco.
Que era necesario o Cepreco...? Poida que sí, mais dotado de algo máis no seu funcionamento que un panel de expertos (algún destes cun papel ben cumprido na xestión do accidente do Prestige) que non foron quen de poñer en marcha a rede de centros de subministración de medios anticontaminación deseñada para Galicia, se ben hai que recoñecer o seu traballo de publicacións ben traballadas.
Aínda que Lobeira fale dos quilómetros de costa desta comunidade para xustificar a continuidade do Cepreco aquí e non en Madrid -sinala que en Madrid para atender ao Mediterráneo- o certo é que, en contra do que di o deputado nacionalista, ainda que con menos territorio marítimo, no Mediterráneo hai máis refinerías de petróleo, máis movemento de petroleiros, ainda que non pasen por alí tantos buques con mercadorías perigosas como por aquí.
Galicia non vai botar de menos o Cepreco. Esta é a realidade. Como o é que dous servizos complementarios de salvamento marítimo -o da Xunta e o estatal- dan máis posibilidades -actuando coordinada e axeitadamente--que un transferido e infrautilizado ou sen recursos dotacionais para un funcionamento acorde coas necesidades dos que dependen do mar ata para vivir.