EFE
Un total de 173 proxectos beneficiaranse este ano das subvencións do plan de axudas e proxectos colectivos de xestión pesqueira encamiñadas a acondicionar e rexenerar os bancos marisqueiros improdutivos, segundo informou hoxe nunha conferencia de prensa o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, Pablo Fernández Asensio.
Fernández explicou que o seu departamento desbloqueou nunha primeira fase 123 proxectos do total de 239, dos que, por provincias, 55 corresponden a Pontevedra, 53 a Coruña e 15 a Lugo.
Así mesmo, indicou que a Consellería do Mar ampliou o importe global para a concesión destas axudas en máis de dous millóns de euros para 2009, polo que a cifra total será de 6.030.369,61 euros.
Desta forma, a Consellería tamén outorgará subvencións a outros 50 proxectos, dos que 22 corresponden á provincia da Coruña, 20 á de Pontevedra e 8 a Lugo.
Estas axudas están enfocadas ao control de acceso aos recursos, asistencias técnicas, acondicionamento e rexeneración dos bancos marisqueiros e instalacións para o cultivo ou semicultivo experimental, e potenciar a comercialización, entre outros.
O director xeral lembrou que estas axudas están destinadas ás confrarías, asociacións, cooperativas e organizacións de produtores encamiñadas a "mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños".
Fernández explicou tamén que o total de axudas é de 16,9 millóns de euros e que se distribuirán en catro anualidades, polo que o gasto previsto para 2009 é de 6 millóns de euros, de 4 millóns para 2010, 3,8 millóns en 2011 e 3,1 no ano 2012.
O responsábel de Ordenación e Xestión de Recursos Mariños salientou que nas convocatorias dos próximos anos terán prioridade aqueles proxectos encamiñados a "potenciar" a cadea de comercialización e a rexeneración dos bancos marisqueiros improdutivos, xa que "son iniciativas que casan con dous dos piares básico da Consellería", dixo.
Subliñou que este impulso repercutirá nun "incremento da produción e competitividade do sector marítimo-pesqueiro".
Fernández indicou que o obxectivo destas axudas é buscar a participación do sector e que sexa este "quen propoña as medidas encamiñadas a contribuír de forma sustentábel para a xestión e a conservación de recursos mariños", de xeito que "redunde no beneficio do sector marisqueiro e pesqueiro galego".