MANUEL BARRAL. A CORUÑA
No que vai de ano as costas galegas rexistraron preto de 30 varamentos de mamíferos mariños como consecuencia das malas condicións meteorolóxicas, que fan que o mar arrastre ata as praias moitos dos animais mortos en alta mar.
A forza do vento ou as grandes ondas provocan que a chegada de cetáceos á costa sexa moito maior que cando o mar está en calma. É o que ocorreu o ano pasado co temporal Klaus, cando os biólogos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) contabilizaron 48 varamentos nunha soa semana.
De feito, á marxe de temporais como o de 2009, a época na que máis mamíferos mariños se atopan nas costas galegas é o inverno, cando as condicións marítimas son máis difíciles e a capacidade de arrastre maior. Dende a fundación da Cemma en 1990, a Rede de Varamentos de Galicia comprobou que os meses nos que as praias recollen máis animais son entre xaneiro e abril, con dende vinte ata 60 varamentos mensuais. A partir de maio as cifras comezan a baixar ata estabilizarse na segunda metade do ano nunha media de entre 10 e 20 varamentos cada 30 días.