Un estourido de dignidade

 01:11  

ANTÓN LUACES Avila pontevedresa de Cangas vai ser mañán, venres 21 de outubro, ás 19.00 horas, un fervedoiro de lembranzas. Os mariñeiros do Morrazo abrirán as vellas libretas de embarque para actualizar un tempo vivido vai 30 anos cando enfermar ou accidentarse no banco canario-sahariano significaba, por carecer dun buque-hospital, despedirse prácticamente da vida. Como resultado das súas reclamacións -cando en augas saharianas había perto dun milleiro de mariñeiros de Cangas, Bueu, Marín, etc- o Goberno mandou á zona o primeiro buque-hospital Esperanza del Mar.

Rememorarán as loitas para acadar o recoñecemento do xorne mariñeiro, as manifestacións e enfrontamentos coa policía en Las Palmas de Gran Canaria, as carreiras diante dos uniformados, os golpes, as feridas e mesmo o cárcere para algúns que esixían a sinatura do primeiro convenio coletivo do sector; o labor duro das mulleres agrupadas nunha asociación que aglutinou as inquedanzas das que, traballando na casa e fóra, coidando os meniños e tremendo pola situación dos seus homes, botábanse á rúa nun desafío constante as normas vixentes en apoio das reclamacións dos seus ausentes. Estes, sabedores do que había en terra polas emisións de REE, redobraban os seus esforzos e chegou, vaia se chegou, ese primeiro convenio.

Lembro con especial agarimo e sentimento a despedida que vivimos un fato de xornalistas con eles, os mariñeiros, e as súas familias perto do cruceiro de Hío, poucas horas antes da saída para o mar, de volta ás augas canario-saharianas e cos deberes feitos.

Sairán a relocer as vivencias cos saharauis do Frente Polisario, de UGTSaurio, da República Árabe Saharaui Democrática (RASD), as motoserras que ecoaban nos montes dos que procedían os eucaliptos que cortaban estradas e camiños de ferro, da toma dos grandes almacéns de Vigo, do secuestro dun catamarán, da loita sindical, da parada de meses para a renovación do acordo de pesca entre a Unión Europea e Marrocos, dos enfrontamentos verbais con aqueles que chamaban terroristas ós que defendían o seu dereito a traballar...

Na Casa do Concello de Cangas reviviremos mañán tempos xa lonxanos que nos marcaron para sempre. Algúns quedaron no camiño. Outros pretenden que esa parte da Historia perviva porque, sen dúbida, foi un estourido de dignidade que demostrou a caste de homes e mulleres galegos que, sen protagonismos estériles, optaron pola acción diante da omisión, polas carreiras diante das forzas de seguridade para que, cando estas estaban cansas, retomar a andaina e berrarlle á rosa dos ventos que o mar é de todos, pero algo máis de aqueles que o traballan.

Será mañán, para sentar as bases dun proxecto no que se involucran os daquela mozos, hoxendía veteranos do mar que peitean canas ou xa nen pelo teñen que peitear porque a alopecia fai estragos. É a vida vivida intensa e fondamente que se pode contar ós netos.

Enlaces recomendados: Premios Cine