A Fundación Paideia abordou esta semana, nunhas xornadas na Coruña, os retos e oportunidades do turismo mariñeiro. Os promotores deste tipo de proxectos, complementarios á pesca, son pesimistas pola situación económica actual pero manteñen a confianza en que é unha vía válida para mellorar os ingresos dos pescadores. O secretario da confraría de Lira (Carnota), Emilio Louro, ve vital que a Administración apoie estas iniciativas, aínda que sexa en menor medida que antes da crise, para que o turismo mariñeiro non desapareza.

-No congreso organizado por Paideia respirouse moito pesimismo. Segue vendo unha oportunidade no turismo mariñeiro?

-Si. A chave está en facer unha boa comercialización do producto, centralizando as iniciativas que hai en Galicia e con boas ofertas turísticas vinculadas á pesca.

-Lira é un dos portos pioneiros nestas iniciativas. Hai suficiente demanda de turismo mariñeiro e das distintas experiencias que ofrece o sector?

-Si. Pero a crise non é allea á xente e o feito de estar nesta situación fai baixar o interese. Ao facer turismo, para aforrar, evítanse cousas prescindibles. Agora o nicho de mercado do turismo mariñeiro está na xente que teña un poder adquisitivo medio-alto. Coa que está a caer non vexo ao resto da xente gastando cartos en turismo pesqueiro.

-Estamos a ver continuamente recortes da Administración. Falta apoio a este tipo de iniciativas ou notouse un descenso?

-Eu entendo que os apoios non se poden manter permanentemente pero tampouco se debe axudar inicialmente e despois, cando os proxectos están arrancando, desvincularse de golpe. Hai que facer un seguimento e, pouco a pouco, ir consolidando cada un deles. O abandono debe ser progresivo, senón á volta de un ou dous anos pódese dar que non haxa ningún proxecto de turismo mariñeiro en Galicia. Igual habería que cambiar as axudas directas por acordos de traballo ou convenios de colaboración.

-Supoño que estas iniciativas supoñen un importante esforzo...

-Si, a maioría dos proxectos partiron dos pósitos e á marxe do turismo mariñeiro teñen obrigacións como a xestión, a atención aos socios, a relación coa Administración, a comercialización... O turismo non deixa de ser unha actividade secundaria, complementaria á pesca.

-O principal é a pesca pero, segundo a Fundación Biodiversidad, os ingresos por turismo mariñeiro en países como Italia son moito maiores que os da pesca. A actividade semella ter futuro...

-Pero o enfoque debe ser distinto ao de Italia, se non desaparecería a pesca. E esta debe ser o elemento central. Despois, todos os compoñentes que melloren a rendibilidade son benvidos, porque permiten reducir a presión sobre os recursos.

-Nas xornadas queixouse da lexislación, que non é clara con prácticas como embarcar turistas para que vexan como se faena. É un aspecto clave no desenvolvemento do turismo mariñeiro?

-A Administración ten que facilitar as cousas para que se poida facer a actividade. Porque riscos córrense a diario, dende que nos erguemos ata que nos deitamos.

-Coa crise, a flota di que a pesca é un sector esquecido pese a xerar emprego. Está de acordo?

-Coincido totalmente. A pesca artesanal non ten o recoñecemento que merece porque crea emprego e os recursos quedan no territorio, no entorno. Os primeiros interesados en protexer os caladoiros en bo estado son os propios pescadores, porque neles lles vai o futuro.

-E os turistas, como poden axudar ao sector?

-Hai que buscar que a pesca sexa viable e moitos turistas saen das actividades dicindo: 'Agora xa sei o que vale o peixe'. Iso costa moito conseguilo e, polo boca a boca, podemos aumentar os prezos do peixe pola concienciación da xente.

-Para conservar os recursos creouse a reserva de interese pesqueiro de Lira, Os Miñarzos. Nestes anos, como evolucionan os recursos na zona?

-Hai algúns que van moi ben pero igual non é tanto pola reserva senón porque o furtivismo se reduciu case totalmente. Houbo un aumento das tallas medias de forma xeral pero as vantaxes veranse a partir de agora, despois dos cinco anos.

-A Xunta ten pendentes de renovar os convenios de vixiancia e asistencias técnicas coas confrarías. Como está a afectar ou que incidencia pode ter no futuro?

-Hai fondos da UE que van destinados á protección desas áreas mariñas de interese pesqueiro e creo que debe facerse un esforzo porque esas partidas están recollidas no Fondo Europeo da Pesca. A UE di que hai que protexer ao redor do 10% dos océanos antes de 2025 e por agora róndase o 0,1%.

-Sen embargo, estamos nun dos momentos con maior predisposición do sector pesqueiro a crear reservas mariñas. Antes era un tema tabú...

-Si, era como mentar ao demo. E co turismo mariñeiro e a venta de peixe por internet é o mesmo. Coa innovación moitas veces chócase coa incomprensión da xente. Pero estas iniciativas, alá onde se implantaron e se lles deu tempo, acabaron funcionando. Para que unha reserva dé resultados ten que ter vixiancia para protexela e un seguimento científico para ver os seus efectos. Senón acabarán convertidas en reservas de papel.