Descoñece o arriba asinante o número de propostas de lei e non de lei, de preguntas para a súa resposta oral ou escrita, en definitiva, as iniciativas presentadas como parlamentario do BNG na Cámara autonómica por Bieito Lobeira, un "animal político" que militou dende mozo no nacionalismo galego e que, após de 17 anos como membro do Parlamento de Galicia e 8 como voceiro da súa formación política en materia marítimo-pesqueira, opta por deixar a actividade de primeira liña no edificio do Hórreo, en Compostela.

É unha decisión persoal porque, dixo, "non quero convertirme nun tapón". Asegura que, como militante de base, vai seguir o fío dos acontecementos marítimo-pesqueiros de Galicia; mais xa non vai ser o mesmo. Porque o salón de sesións da Cámara galega, a comisión de Pesca, por moi ben que estea representado nelas o BNG na vindeira lexislatura, vai ser pouco doado esquecer a figura deste parlamentario que non quere obstaculizar o paso a novas promocións de nacionalistas que, coas siglas do BNG, defendan, interpelen ou apupen calquera proxecto que se presente nesa cámara de decisións que é, ou debera ser, o Parlamento.

Errado unhas veces e en posesión da verdade máis absoluta en moitas outras, Lobeira marcha como chegou ao Hórreo: sen ruido.

Coñeceu como presidente da Xunta a Manuel Fraga, a Emilio Pérez Touriño e a Alberto Núñez Feijóo. Os tres souberon del. Como tamén souberon tres do pesos pesados da Consellería de Pesca: Enrique López Veiga, Carmen Gallego e Rosa Quintana. Con todos tivo os seus máis e os seus menos. Convencido e aberto a calquera cuestión vinculada ao mundo marítimo-pesqueiro, Lobeira non recuou. Foi coa súa verdade por diante. E non pode dicirse que non dese batalla onde fose preciso polo mundo da pesca, o marisqueo, a seguridade da vida humana no mar e o salvamento en Galicia.

Lobeira leva izada a bandeira da honestidade, do convencemento de que o que facía era o que había que facer, de entrega a unha labor non sempre comprendida.

En ocasións poidemos ter desencontros, mais sempre tivo un sorriso, unha aperta para este xornalista que botará de menos convencido de que o mar galego perde coa súa marcha un dos seus máis grandes valedores.

É seguro que non vai volver a descargar peixe en Marín e que seguirá viva a lembranza do traballo dos seus pais como mariñeiro el e mariscadora ela, para seguir a dar a batalla dende a militancia de base no seu partido.

Goberne quen goberne na vindeira lexislatura, é seguro que vai poder estar máis tranquilo sen ter diante a ese Gran Irmán que foi Bieito Lobeira, dos poucos que soubo transmitir ao resto de parlamentarios o recendo do mar. Só por esto, o adeus a Beito Lobeira ten que ser largacío.

Boa mar, Lobeira, e con vento de popa para seguir navegando seguro nesta vida.