No mar non hai sardiñas, pero en San Xoán estas non faltan.

A sardiña non ten un prezo axeitado, pero en San Xoán é cara.

A sardiña, para ser boa, debe ser do Cantábrico; pero en San Xoán tamén se come a do Mediterráneo, aínda que veña conxelada.

A sardiña, en San Xoán, pinga o pan; pero tamén pinga o cachelo e xuntos van para dentro.

A sardiña sempre se fai esperar, pero sempre chega.

E este ano tamén chegou. Porque a pescaron ou porque a gardaron? Misterio de todos os anos. Pero a cita de San Xoán é un compromiso renovado que fai que a pilchardus incremente o seu prezo pola demanda. Debe entenderse que o baixo prezo de cotización para outras especies de peixe se debe a que non hai demanda? E se hai quen institúa o día do xurelo, o día da xarda ou día da pescada? Se incrementamos a demanda haberá prezos máis rendibles para os que pescan? Non é abondo con establecer topes de capturas?

As sardiñas chegaron, untaron o pan ao pé das cacharelas, e agora tal vez desaparezan de novo?

Descoñecemos o ciclo da sardiña, que fai que só se achegue as lonxas de peixe por San Xoán ou é que hai quen especula para que, en catro días se defenda un barco e os salarios dos seus tripualntes?

Será que a sardiña é coma o turrón, que só aparece cando realmente se come?

Pobos e vilas recenden a sardiñas asadas na noite de San Xoán. Será que este santiño ten algo que ver no choio.

Será.