Genaro Amigo Chouciño é o presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, que agrupa 225 entidades pesqueiras de España. Critica que as administracións non teñan en conta a opinión do sector na toma de decisións sobre o reparto das posibilidades de pesca e afirma que entrar "mal e arrastro" na Unión Europea prexudicou á frota española.

-Cales son as principais dificultades que afrontan as confrarías?

-Dende o inicio da crise, a maioría das confrarías están a pasalo mal. Na zona do Cantábrico Noroeste principalmente polas cotas, que son totalmente insuficientes, e tamén polos prezos do peixe, que se vende como hai trinta anos.

-Esa é a maior preocupación dos pósitos?

-Si. Bruxelas estanos a apretar até asfixiarnos. E a iso hai que sumarlle a falta de ingresos nas lonxas e que os gastos se multiplican ano tras ano.

-Que se pode facer para cambiar esta situación?

-Entramos mal e arrastro na UE e as consecuencias vémolas e pagámolas agora. Os niveis de control que había antes eran completamente diferentes. Agora vemos como nos pechan as pesquerías no mes de maio ou xuño e, que fas durante o resto do ano?

-Que segmento de frota pasa por un peor momento?

-Todos en xeral. Nunha época do ano pásano moi mal a volanta ou o palangre de fondo e noutros momentos o cerco. O problema non é a falta de peixe, porque nós vemos moita cantidade no mar. As posibilidades de pesca da frota española son moi limitadas, polo que moitos armadores xa están estudando a posibilidade de optar ás axudas para a paralización definitiva da actividade nos próximos dous anos.

-Supoño que tamén inflúe a falta de relevo xeracional no sector.

-Quen vai vir traballar ao mar? Se nos deixaran pescar con normalidade coma noutros oficios a xente si viría. Pero os armadores tampouco poden dar máis traballo porque teñen que saír a faenar co mínimo de xente permitido para que os mariñeiros enrolados gañen un soldo digno e a súa actividade sexa rendible.

-Réstalle un ano á fronte da federación. Vanlle quedar cousas no tinteiro?

-Nunca es capaz de cumprir todo o que te propós facer en catro anos, pero non creo que deixe moitos asuntos pendentes. De aquí a maio esperamos poder cumprir cos nosos cometidos, sobre todo o de tratar de conseguir que os cupos non sexan tan escasos. O ano pasado tivemos unha redución do 20% na cota de pescada e este ano Bruxelas propón unha rebaixa do 60%. Gustaríame ver se calquera membro da UE é capaz de vivir co 25% do salario que tivo hai dous anos. O que menos lle importa a esa xente son os problemas dos pescadores.

-Falaba das dificultades económicas dos pósitos. O de Cariño é o primeiro en entrar en concurso de acreedores. Cal é o erro na xestión das cofrarías?

-Acumúlase todo. Cando entrou [Manuel] Fraga [expresidente da Xunta] no poder, conseguiuse que os que traballaban nas confrarías fosen funcionarios da Xunta. Iso foi a vida para os pósitos, porque pagarlle o salario a esas persoas era unha carga tremenda que non tiñamos que asumir. Esa xente foise xubilando e os cargos xa non se renovaron. Hai que cambiar de mentalidade para mellorar a situación.

-Que hai que modificar?

-Temos que cobrar máis polos servizos das cofrarías, que antes eran practicamente gratis. E se temos que reducir persoal, haberá que facelo se queremos subsistir.

-A frota española está capacitada para adaptarse á prohibición dos descartes ou á consecución do Rendemento Máximo Sostible (RMS) das pesquerías?

-Un arrastreiro de litoral que se dedica ás pesquerías multiespecíficas non sei como vai cumprir co tema dos descartes. O RMS quérese conseguir antes de 2020. Creo que nalgunhas especies se vai poder acadar, pero noutras quizais debería fixarse un prazo maior. De pouco nos serve que no 2030 esté o mar cheo de pescadas, xurelos ou sardiñas se non hai quen os pesque.

-A meirande parte dos patróns maiores denuncian que as administracións case non contan coa opinión do sector na toma de decisións. Opina o mesmo?

-'Escoitado o sector' queda moi bonito nos papeis. Estivemos tres anos discutindo a nova Política Pesqueira Común e sostiñan que se ía protexer a pesca de baixura, que ía ser a grande beneficiada. Non vemos esa vantaxe por ningures.

-De feito, a frota do xeito estivo a piques de desaparecer?

-Outro exemplo das aberracións da UE, o de equiparar o xeito coas grandes volantas de superficie. Hai cousas na UE que non se entenden, como o tema do finning. É unha boa medida sempre e cando a cumpran todos os estados que se dedican a pesquería de quenllas, peixe espada, etc. Do contrario, supón unha competencia desleal incrible.

-Ten dito en varias ocasións que o maior problema da baixura é a comercialización. Que falla?

-Levamos anos loitando por atopar unha maneira de vender mellor as nosas capturas pero é moi difícil. Moitas veces as normas, tanto de Bruxelas como do Goberno central, non se adaptan ben ao que nós queremos. Ademais pecamos de buscar moito peixe e despois se non o vendemos a catro euros, vendémolo a dous. É un dos grandes retos da frota de baixura en toda España.

-Vostede estivo enrolado dez anos na mariña mercante española. Que opina do problema que teñen agora os exmariños galegos con Noruega?

-Que non lles queira pagar é unha inxustiza, despois de que lles descontase parte do seu salario durante anos. Nin o Goberno central nin a UE deberían permitir que sucedese algo así. Parece mentira que pase semellante cousa cun país como Noruega.

-Ademais o Goberno só se personará na causa se chega a Estrasburgo.

-Iso supón que pasen seis ou sete anos. Cando se arranxe o problema a metade deses xubilados xa terán falecido e iso non pode ser.

-O número de accidentes na pesca segue a ser moi elevado pese a que as esixencias de seguridade son cada vez maiores. Onde está o fallo?

-Todo inflúe. Hainos que son inevitables e outros débense a un exceso de confianza. O patrón pensa que o barco vai responder dunha maneira e responde doutra.

-Despois de tantos anos en cargos relevantes do sector, que opina das administracions pesqueiras? Que balance fai das súas actuacións?

-Regular, sobre todo polas cotas. Nos anos que me adiquei á pesca de cerco non lembro un peche de pesquería e agora hainos seguido. E non hai ningún negocio no mundo que se defenda traballando unha semana ou quince días ao ano. As administracions deberían loitar moito máis por nós, até a extenuación, para conseguir cupos. Non se pode facer tanto caso aos ecoloxistas. E está claro que nós non seriamos nada sen o comité científico, pero tamén ao revés: eles non serían nada sen nós.

-O sector pesqueiro denuncia unha presión inspectora excesiva. Que opina?

-Ten que haber inspeccións. Pero queixámonos porque temos pouca cota e obrígannos a vivir sempre da trampa, dende que naces ata que morres. Os armadores veñen amedrentados do mar. Hai patróns que teñen que ser enxeñeiros para manexar os sistemas de control que temos, polos que nos vixían as 24 horas do día.

-Que opina da reforma do Código Penal para tipificar como delito o furtivismo reincidente?

-É unha boa medida pero hai que tratar de cumplila. De pouco serven as normas nun papel se depois non se lles fai caso. Todos comprendemos o problema do furtivismo e que aumentou dende o inicio da crise. É normal que unha persoa se dedique a mariscar ilegalmente antes de ir roubar nun piso. O que xa non se entende son as mafias que hai no furtivismo. Hai cuadrillas que se dedican a esquilmar os recursos.