Veterano do mar. 84 anos, cumpridos. Sempre mariñeiro en Cariño, xa cando este porto non tiña tal e as tarrafas e calquera outra embarcación descargaban as súas capturas a pé de praia, tendo que ser as mulleres empregadas na vintena de fábricas que polos anos 40 do século pasado en Cariño había as que, metidas no mar ata o peito, descargaban e carretaban ata esas mismas fábricas o que os barcos traían: sardiña, chicharro, corcito...

Pero Pepe disque na súa vida escoitou que nos barcos de Cariño non era ben que o mariñeiro asubiara, que asubiar era de mal agoiro.

"Nunca tal oín, amigo. Tampouco, certamente, había moito tempo para asubiar porque cando non estabas a traballar na cuberta, aproveitabas para lle botar unha soneca (se o mar deixaba). Pero iso de que non era de gusto que o mariñeiro asubiara... E de onde sacas iso, logo?".

Dígolle a Pepe que o escoitei nunha reportaxe que sobre Cariño que emitiu a TVG e dí, rotundo, que esas son "caralladas complicadas que inventades vós cando non tedes noticias que dar, só para encher o tempo".

E, pola contra, dime que oiu hai anos que, por exemplo, a bordo dos bacalloeiros da Pisbe que faenaban polos mares de Terranova os curas non eran ben recibidos a bordo. Como tampouco o era falar deles referíndose a estes recorrendo, para evitalo, a citalos como "o innombrable".

"Pero repito, sonche cousas de cada quen e que cada quen conta como si fosen de dominio público. No mar temos -mellor dito, tiñamos- moito tempo para pensar. Porque cavilas cando traballas e cando non. Agora o tempo seica sempre está ocupado, ben polo traballo ou polas películas que lles poñen a bordo na televisión para matar as horas. Cambiouche moito o conto".

Non pretendo levarlle a contraria a Pepe, que antes que mestre foi fogoneiro e, antes, mariñeiro. Mais o que si resulta evidente é que entre a xente do mar hai determinadas manías, curiosidades ou, simplemente, tradicións. Como era, por exemplo, a de bendecir os barcos ó comezo de cada campaña para que a Virxe do Carme, á que en Cariño se venera extraordinariamente por parte de mariñeiros e familliares, botase unha man en caso de necesidade.

"Cantas veces, meu fillo, cantas veces crentes e non crentes rezaban á Padroa do Mar porque tal ou cal barco tardaba en chegar e nada se sabía del. Porque antes, sendo eu pouco máis ca un cativo, os barcos non tiñan tampouco medios para se comunicar con terra e dicir que estaban de arribada, por exemplo, agardando a que pasara o mal tempo en calquera porto. E tampocuo daquela había teléfonos para poder chamar á casa. Moito medo teñen pasado as familias e cantas veces a serea da lonxa ten pitado chamando á xente á praia ou xa, posteriormente, ao porto para dar a benvida ao barco que xa as familias dos seus tripulantes choraban. Era un loito xeralizado, porque cada mariñeiro era coma o fío do aparello: tiñan ligazóns con todo o pobo e todos sabiamos os uns dos outros. Pero o de asubiar, xúrocho, nunca tal oín. Nunca".

Non sei se compre desfacer un entorto. Pero, logo de falar con Pepe -que leva o mar na cor dos seus ollos- estou convencido de que se alguén tiña prohibido asubiar no barco, non vai ser el que o diga. Porque ata para non dicir "asubiar" sempre dixo "botar unha chifrada".

Cousas do mar. Dos mariñeiros, que teñen -tiñan- moito tempo para cavilar. No traballo ou no pouco tempo de descanso. Todo deus tivo unha silva na que quedar prendido.