Se o noruegués Roald Amudsen, primeiro explorador europeo en alcanzar o Polo Sur, puidese ver como se desenvolven as expedicións antárticas na actualidade, ficaría abraiado. Fronte á épica daqueles comezos do século XX nos que os pioneiros, sen apenas medios e cunha tecnoloxía rudimentaria, arriscaban as súas vidas ao expoñérense a unhas condicións extremas, os investigadores actuais foxen do heroísmo. Tanto é así que o galego Javier Cristobo, que se atopa no continente xeado por oitava vez, asegura que o máis duro da viaxe é estar lonxe da súa familia.

"Contamos con todas as comodidades", explica este biólogo, natural de Ares, desde a base Gabriel de Castilla da illa de Decepción, situada no noroeste antártico. "Temos grandes cociñeiros, lavandería, auga quente, e unha morea de servizos que precisamos para o propio desenvolvemento da nosa labor científica: Zodiacs, un módulo de mergullo onde podemos deixar o equipo, un laboratorio científico onde podemos facer experimentos, acuarios? É case como traballar na casa", afirma.

Cristobo forma parte da misión Distantcom, destinada a investigar as especies mariñas das costas antárticas con dous obxectivos: O primeiro, descubrir novas especies para a ciencia. O segundo, estudar os compostos químicos que producen e determinar se poderán ser utilizados para producir medicamentos. "Buscamos animais que produzan substancias tóxicas para a súa autodefensa, como esponxas, corais, ou algún equinodermo", aclara o científico. Son estes elementos químicos, a priori nocivos, os que poden conter todo tipo de propiedades "bioactivas, antibacterianas e mesmo antitumorais".

Nos últimos anos os océanos están a gañar máis relevancia para a industria farmacéutica e cada vez son máis os expertos que sinalan a existencia dunha "farmacia do mar". Segundo un estudo da empresa galega Pharmamar, especializada na creación de tratamentos oncolóxicos, mentres só unha de cada 10.000 especies terrestres resulta útil para o desenvolvemento de novos fármacos, no caso das especies mariñas a relación é de unha por 70. Cristobo indica que, neste sentido, a Antártida é un lugar "privilexiado". "Aquí queda moito por explorar e investigar, polo que as posibilidades de atopar novas especies e substancias para usos médicos son maiores que noutras zonas nas que xa hai moitos estudos feitos", argumenta.

Malia o potencial da investigación oceánica, Cristobo critica que só "unha mínima parte" dos fondos mariños por debaixo dos 1.000 metros están explorados. No caso da Antártida, asevera, o descoñecemento dáse "a todos os niveis". O biólogo galego achaca esta situación á falta de financiamento, aínda que admite que unha investigación como a súa é "cara". "A medida que intentas coller unha mostra a máis profundidade precisas barcos máis grandes, submarinos máis potentes, e os equipos que permiten descender ata aí non son fáciles de conseguir", manifesta, malia que opina que o criterio económico non é o máis axeitado. "Seguir aumentando coñecementos sobre a fauna e flora que vive nas costas é de vital importancia para poder prepararnos de cara ao futuro. No noso caso, hai que ter en conta que estas substancias que non se coñecen teñen o potencial de ser fármacos e poden chegar a salvar vidas".

O proxecto Distantcom, dirixido pola bióloga da universidade de Barcelona Conchita Ávila, está financiado polo Ministerio de Economía e conta coa colaboración de institucións coma o Instituto Español de Oceanografía (IEO) ou a universidade de Harvard. Cristobo, como director do IEO de Xixón, encárgase das labores de mergullo, que se realizan a unhas temperaturas mariñas cercanas á conxelación: "As miñas tarefas pasan pola organización, a seguridade dos traballadores, loxística e preparación da efectividade de mergullo, e tamén me encargo de elixir as zonas máis axeitadas para recoller as mostras".

A expedición chegou á Antártida a comezos de decembro e ficará na illa de Decepción ata o 18 de febreiro, cando subirá a bordo do buque de investigación mariña Hespérides para mergullar en distintos puntos do océano, "algúns dos cales están practicamente inexplorados", e realizar sondaxes mariñas "a máis de 3.000 metros de profundidade. "Nós estamos abrindo o camiño porque hai moitas cousas que aínda non se coñecen", di o aresán, que se considera un "privilexiado" por poder traballar no continente.

Entre os obxectivos do programa Distantcom tamén está estudar as consecuencias da acumulación de contaminantes e o cambio climático nas poboacións mariñas do Antártico. "Este é un lugar no que os efectos se poden notar moito máis, porque as especies están habituadas desde hai séculos a unhas condicións que variaron moi pouco", indica Cristobo. Algunhas destas consecuencias xa se aprecian, como o desxeo ou o aumento das temperaturas, e segundo o científico galego poden supoñer a desaparición de moitas destas poboacións mariñas. Cristobo explica que o xeo da Antártida é doce, xa que está formado "pola auga de choiva", polo que ameaza con "desalinizar" o océano Antártico. "Haberá especies en risco de desaparición porque non soportan a baixa salinidade", afirma o biólogo, para quen tamén é posible que outras se movan cara o continente "aproveitando" o aumento de temperatura da auga.

Este aresán, non obstante, amósase optimista con respecto ao futuro. "Hai anos os países foron moi reticentes, porque reducir a contaminación custa cartos e implica un maior control económico. Nos últimos tempos parece que o están a tomar máis en serio. Deben saber que se este cambio non se produce xa as consecuencias para os países poden ser moi graves, desde catástrofes naturais ata a inundación progresiva de cidades", sentencia o científico.