As redeiras advirten de que o intrusismo no sector é un dos maiores problemas aos que se enfrontan na actualidade e critican a "inacción" das administracións para erradicalo. "Representa un 70%. É moito e ninguén quere facernos caso", apunta a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, Rosa Isabel Rodríguez, que engade que cada vez "hai menos redeiras". "A xente traballa en negro. Unha veciña ensínalle a outra, esa a outra, e todas esas persoas que traballan de forma ilegal provocan que nós gañemos menos diñeiro. E o que gañamos xa é unha miseria", argumenta. Por isto, esíxelle á Xunta e ao Instituto Social de la Marina "que se poñan ao día" e comecen a realizar inspeccións.

As críticas de Rodríguez non se dirixen só ás institucións, senón que tamén culpa aos intermediarios e a "algúns armadores", que buscan "sempre o prezo máis baixo".