Elena Ojea Investigadora premiada cunha Starting Grant da UE

"Se non tivera conseguido esta axuda da UE, seríame complicado traballar en Galicia"

"Cada ano hai menos bolsas, o sistema público de investigación está en crise" n "Hai que xestionar a pesca a longo prazo e ter en conta os efectos do cambio climático"

21.02.2016 | 01:54
A investigadora Elena Ojea.

Elena Ojea (Nigrán, Pontevedra, 1981) é un dos nomes propios da nova xeración de científicos galegos que tiveron que marchar fóra por falta de oportunidades. Agora, esta licenciada en Ciencias Ambientais e doutorada en Economía regresa a Galicia cunha bolsa de excelencia Starting Grant do Consello Europeo de Investigación, que lle facilitará 1,2 millóns de euros para estudar a adaptación da pesca aos efectos do cambio climático na Universidade de Vigo. Mentres, agarda pola convocatoria da bolsa Oportunius da Xunta, que lle permitiría establecerse no país a longo prazo.

-Por que é importante prever os efectos do cambio climático na pesca?

-É importante como en todos os sectores. Sabemos bastante pouco dos efectos do cambio climático no sistema mariño e nos océanos, e de como adaptarse a eles. Moito menos que nos ecosistemas terrestres. Agora estamos nun momento no que hai que entender como nos podemos adaptar aos cambios que veñen. Por que é importante adaptarse? Os efectos do cambio climático xa se ven, e unha vez que xa teñamos controlada a parte da investigación (podemos contaminar isto e non máis), hai que ver como nos podemos preparar para que non sexan tan negativos, e mesmo ter unha vantaxe de coñecer que é o que vai pasar. A finalidade é evitar que o dano social, económico e ecolóxico sexa tan grande.

-No encontro coa Xunta de hai unhas semanas falabas de dirixir o proxecto con "ideas innovadoras". A que te referías?

-O que valoran en Europa é que fagas un proxecto arriscado e rompedor. Será unha análise moi integral, a cabalo entre a ecoloxía e a economía, na que vou combinar metodoloxías máis teóricas con modelos de pesca. Tamén haberá unha parte empírica na que quero ver como as medidas de adaptación poden ser aplicadas na práctica e que repercusión terán. Quero saber de primeira man que impacto vai ter o cambio climático nos diferentes grupos implicados na pesca. Saber quen é máis vulnerable, quen menos, que non quede só en modelos.

-Desde o sector pesqueiro acúsase aos científicos de esquecer a dimensión social da pesca.

-Está totalmente relacionado, porque precisamos saber desde as ciencias naturais e a ecoloxía cales son os impactos nos océanos, e logo estudar como iso afecta á sociedade e á economía. No caso do meu proxecto, ese é precisamente o lugar no que se sitúa, nese cruzamento entre a ecoloxía, a economía e a sociedade. O que quero ver é, nunha visión a longo prazo -que é a que che impón o cambio climático-, como adaptarse, como comezar a cambiar as medidas de xestión da pesca para facelas mellores, máis eficaces, eficientes e éticas. Neste sentido, creo que é necesario seguir facendo o esforzo para poñer diferentes sectores en colaboración. Os problemas que temos son complexos, polo que as respostas teñen que partir da complexidade. O cambio climático afecta aos océanos e, por suposto, tamén ten efectos sociais e económicos. Entón, as solucións teñen que ser integrais.

-Aínda que agora volva, promesas da ciencia coma vostede tiveron que marchar fóra. Apóstase polo talento mozo en España? Que opina da chamada "fuga de cerebros"?

-Segue a ser un problema moi grave, algo moi visible. Facer estancias fóra é parte da carreira dun investigador, pero só ata certo punto, e neste caso non é unha decisión libre e persoal. Non hai oportunidades suficientes. Cada vez hai menos becas, o sistema público de investigación está en crise. No meu caso creo que son unha excepción e sei que volvo por ter conseguido a ERC, pero se non a tivera, tamén me sería complicado.

-Os expertos critican a falta de investimento para a investigación pesqueira en Galicia. Cal debería ser o papel da ciencia galega?

-Gústame facer isto en Galicia porque a pesca ten moito peso social e económico. É unha rexión pesqueira importante a nivel europeo, os sistemas de xestión son moi interesantes e penso que poden ser un exemplo para investigadores doutros países. Naturalmente, son galega e gústame estar no meu entorno, por iso escollín a Universidade de Vigo.

-Os efectos do cambio climático nótanse a longo prazo. Multiplicaranse nos próximos anos?

-Vaise notar cada vez máis, porque é un efecto que se vai acumulando. O resultado do que sucedeu durante os últimos 20 anos aínda está por vir.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine