Dous mariñeiros dunha embarcación de artes menores de Rianxo saíron ilesos a pasada madrugada do accidente sufrido polo seu pesqueiro ao chocar cunha batea cando voltaban a porto tras unha xornada de faena. Os dous tripulantes, Cesáreo V.V., de 55 anos, e o seu sobriño Miguel R.V., de 41, volvían a terra cando o seu barco bateu co viveiro flotante de produción de mexillón e caeron ao mar. Un deles conseguiu saír da auga e subir á batea coa que colidiran.

Precisamente foi el o que sacou ao seu compañeiro da auga cando este comezaba a presentar síntomas de hipotermia. Uns minutos despois foron rescatados por unha embarcación do xeito -a mesma arte coa que faenaban os accidentados- que acudira na súa busca ao ver que tardaban en chegar ao porto. Os dous mariñeiros atópanse en bo estado de saúde, aínda que o patrón do pesqueiro sufriu un forte golpe na perna, polo que foi atendido no Hospital do Barbanza.

Xornada de faena

Os pescadores abandonaron o porto de Rianxo ao redor das 22.00 horas a bordo do Nuevo Nelson, un pequeno pesqueiro de seis metros de eslora, coa idea de pescar sardiña na zona central da ría de Arousa, nun punto coñecido pola frota como O Chazo. Fontes do sector explicaron que cara a medianoite comezaron a recoller os aparellos porque xa era tarde -as poxas de sardiña en Rianxo son entre as 00.00 e as 01.30 horas da madrugada- e á embarcación aínda lle quedaban uns 20 minutos de navegación.

O tripulante situouse na proa do pesqueiro para preparar o peixe para a súa descarga no porto mentres que seu tío, o patrón do barco e pescador veterano, acendeu os motores e arrancou. Fontes próximas aos dous mariñeiros explican que nun momento dado o tripulante que estaba na proa alertou ao seu compañeiro da presencia da batea, pero cando o patrón quixo reaccionar xa era demasiado tarde para evitar a colisión. Co impacto, os dous homes caeron á auga mentres que a embarcación seguiu dando voltas ata que, pouco despois, se apagou soa.