A confraría de pescadores de Corcubión acolleu onte un encontro entre distintos representantes da frota de baixura de portos coruñeses como Laxe, Camariñas, Malpica, Fisterra, Noia, Muros, Portosín, Porto do Son e o propio Corcubión no que os asistentes decidiron convocar para o próximo 4 de xuño unha manifestación "en defensa da pesca costeira artesanal". A protesta comezará as 11.00 horas no porto de Corcubión e consistirá nunha marcha ata o concello veciño de Cee e volta cara o punto de partida.

O patrón maior de Corcubión, José Domínguez, explicou a este xornal que o obxectivo do sector é chamar a atención da Xunta e do Goberno central para que adopten medidas en favor dunha maior protección da pesca de baixura. Os profesionais que apoian a manifestación reclaman que se obrigue á frota de arrastre a faenar máis lonxe da costa para protexer os recursos das rías galegas. "Son barcos con moita potencia que arrasan con todo o que hai no mar. Por riba de todo é importante acabar coa pesca de arrastre á parella, como ocorreu en Gran Sol, porque esquilma os recursos", sentenciou Domínguez.