A carpintería de ribeira busca o seu lugar

O sector, nunha situación económica límite, reivindica a construción de barcos de madeira pola súa "competitividade" e "sustentabilidade" fronte a outros materiais como a fibra ou o ferro

12.06.2016 | 01:48
Un barco a reparación no estaleiro de O Baladiño, en Cabana de Bergantiños.

Das máis de 100 de carpinterías de ribeira que proliferaron nas costas galegas, só vinte destes estaleiros tradicionais conseguen manterse en activo na actualidade, e a maioría deles fano a duras penas. As causas desta decadencia son variadas. Pesan motivos políticos e sociais, enmarcados nun contexto xeral negativo para a pesca galega. Malia isto, estes artesáns procuran renovar os seus servizos e diversificar as súas actividades mentres loitan por dignificar a construción en madeira fronte a outros materiais, como o ferro e o poliéster, que chegaron a estar subvencionados durante anos

Nestes tempos, marcados polas présas e a procura do beneficio rápido, certos oficios do mundo tradicional resístense a desaparecer e intentan renovarse sen perder os seus valores. A carpintería de ribeira é un deles, malia atoparse ao borde do precipicio económico. Así o afirma Martín Senande, que leva case catro décadas construíndo embarcacións de madeira no Baladiño, o seu pequeno estaleiro situado no lugar de Taboído, en Cabana de Bergantiños, fronte á desembocadura do río Anllóns.

"Atopámonos nunha situación de precariedade total", lamenta Senande, que na actualidade se mantén en activo mediante a reparación e o mantemento de barcos, un oficio que combina co marisqueo e a comercialización de produtos do mar. Xa fai oito anos que non constrúe unha embarcación nova, cando nos "bos tempos" chegaba a facer tres ou catro ao ano.

"Tiven xente a traballar comigo aquí ata que foi o accidente do Prestige, pero desde aquel momento a construción con fibra (poliéster) tivo un impulso moi grande", relata este artesán, que aposta por limitar a fabricación nese material. "Os barcos de fibra deberían estar restrinxidos por lei, é un material imposible de reciclar, derivado do petróleo, non é sostible", censura Senande.

O Baladiño forma parte da Asociación Galega de Carpinterías de Ribeira (Agalcari), que agrupa as 20 empresas deste tipo que aínda existen en Galicia. O presidente desta organización, o rianxeiro Ramón Collazo, vai máis alá na súa crítica e culpa da decadencia do sector as subvencións que durante moitos anos se lles outorgaron ás embarcacións construídas con ferro e poliéster. "É unha desvantaxe que durou anos e que agora é moi difícil de remontar", lamenta Collazo, que indica que só tres das firmas que forman parte de Agalcari están a construír barcos nestes momentos.

Collazo, responsable de Estaleiros Catoira, asegura que, se o sector segue en pé, é porque soubo "renovarse". "Agora entregamos os barcos chave en man, polo que non só os construímos, senón que tamén montamos todos os compoñentes que nos pide o armador", explica.

O único que non cambia é o material, que Collazo defende con paixón. "Os barcos de madeira son competitivos en navegación e posúen unha gran estabilidade, xa que non precisan dun lastre artificial, como os de ferro ou fibra. Ademais, a madeira é un illante térmico excepcional, as embarcacións consumen moito menos e producen menos CO2", asegura, ao que Senande engade: "Xa desde o proceso de fabricación, requírese moita menos enerxía para transformar a madeira que outros materiais".

O arquitecto Óscar Fuertes defendeu recentemente a súa tese de doutoramento, titulada Las carpinterías de ribeira en Galicia: la recuperación de sus arquitecturas, na Universidade da Coruña. Durante a súa investigación, Fuertes decatouse de que as carpinterías de ribeira representan un tipo construtivo "único", propio do noroeste peninsular, pero con elementos comúns a outros estaleiros da costa atlántica.

"Trátase dunhas instalacións construídas polos propios carpinteiros, que repiten a mesma organización espacial e incorporan elementos da construción naval", explica o arquitecto, que lamenta que, dos "máis de 100" estaleiros tradicionais que chegaron a existir en Galicia, só unha ducia perduraron ata os nosos días. "A Administración non fixo todo o que podería por preservalos", critica. Neste sentido, o presidente de Agalcari relata como se viu forzado a construír un novo taller, xa que os recheos do porto de Rianxo obrigáronlle a abandonar o anterior estaleiro, edificado polo seu avó en 1920.

Fuertes participou no proxecto Dorna, que estuda a posta en valor destes espazos, e defende como necesaria a súa catalogación e protección conxunta. No ámbito económico, propón novos usos complementarios á construción naval, como o aloxamento doutras actividades (clubes de vela, pesca deportiva), ou a súa integración no turismo cultural, mediante a creación de rutas de estaleiros. "Algúns compañeiros meus de Holanda sorprendéronse moito de que estes espazos non estean recuperados, como acontece no seu país", manifesta.

Malia apoiar estas iniciativas, os artesáns foxen do romanticismo: "Formamos parte do patrimonio, pero non queremos vivir no pasado, precisamos ter un sentido comercial pleno", asevera Collazo. Mentres, Senande engade que os carpinteiros de ribeira teñen "moito" que aportar á súa contorna, como labores mantemento do patrimonio existente ou das áreas recreativas. "É necesario que os concellos aposten por nós", expón este artesán, que nestes momentos lidera os traballos de rehabilitación dos muíños e os batáns do Mosquetín, no Concello de Vimianzo.

Para garantir o seu futuro, o sector loita pola aprobación dun regulamento específico e un selo de calidade para os seus barcos. Tamén esixe a creación dun programa formativo "sólido" para garantir o relevo xeracional. "Teño un aprendiz no meu estaleiro que está a estudar carpintería, pero en moitos sentidos a súa formación non ten nada que ver cos traballos que fai", asegura Collazo, que aposta por "favorecer" as prácticas no sector. Na actualidade, só o centro A Aixola, dependente da Xunta, imparte cursos de carpintería de ribeira, e Collazo apunta á Universidade para asumir o liderado nese sentido.

Pero as carencias deste sector enmárcanse nun contexto de decadencia xeral da pesca galega, que cada ano perde empregos e embarcacións: "Se seguimos a gobernar a pesca desta forma, non teremos futuro nin nós, nin ninguén, e iso si que sería unha traxedia para Galicia", resume Senande, que esixe solucións globais.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine