Rita Míguez, patroa maior de Arcade (Pontevedra), foi elixida recentemente presidenta da nova Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (Anmupesca), organización impulsada pola patronal española Cepesca e que agrupa doce asociacións de mariscadoras, redeiras e armadoras de Galicia, Andalucía e Valencia. O obxectivo principal desta nova federación é darlles "visibilidade" ás mulleres que integran o sector marítimo-pesqueiro e procurar solucións para os seus problemas concretos.

-Cales son as causas da falta de visibilidade das mulleres no sector do mar?

-Sempre se pensou que era un sector de homes e eu creo que as mulleres fixeron moito traballo desde hai quince anos, cando se comezaron a asociar, para rematar con esa percepción. Loitouse moito, pero aínda queda por facer. Somos moitas as mulleres que nos adicamos á pesca e moita xente aínda non o sabe, por iso creo que será importante obter esa visibilidade. En xeral, animo ás mulleres a que participen nos órganos directivos dos sectores aos que pertencen.

-Ten consecuencias na súa situación laboral?

-Si, sen dúbida. Levo como mariscadora dez anos en Arcade e mentres as mulleres non chegamos á presidencia do marisqueo, e despois, no meu caso, a ser patroa maior, non se nos escoitaba. Tiñamos problemas, pero recibiamos oídos xordos. Ao poder dirixirte á Administración e asistir aos encontros nos que se toman decisións é cando te decatas do papel que xogabas ata ese momento.

-Como planeades mellorar esta situación?

-Acabamos de comezar. Polo momento, temos pensado facer asembleas e foros de mulleres para que poidamos falar, expor os nosos problemas e intercambiar experiencias. Unha vez que saibamos cales son as principais demandas, dirixirémonos a quen nos teñamos que dirixir e intentaremos dialogar e buscar solucións.

-En que órganos de decisión van estar presentes?

-Iremos a todas as reunións de tomas de decisións que nos afecten.

-Por que non se integraron asociacións do Cantábrico en Anmupesca? Hai posibilidade de ampliar a asociación? Iniciaron contactos neste sentido?

-As asociacións do País Vasco están convidadas a unirse e, aínda que en principio non quixeron integrarse, a oferta segue en pé. Buscamos o máximo número posible de asociadas.

-Anmupesca naceu impulsada por Cepesca, pero os armadores e as empresas son responsables da mala situación das mulleres, polo que pode que as súas demandas choquen coa patronal.

-Iso é certo. Nós o que pretendemos é defender os intereses, tanto sociais como económicos, de todas as mulleres do sector, sexan redeiras, mariscadoras ou empregadas das conserveiras. Os de todas, e fronte a quen sexa necesario.

-A mudanza da Ley Reguladora de la Protección Social de las Personas Trabajadoras del Sector Marítimo y Pesquero do ano pasado supuxo unha oportunidade perdida para as mulleres?

-Temos que seguir loitando para que se recoñezan prestacións polos problemas concretos dos traballos das mulleres do mar, e tamén para mellorar o sistema de acceso ás que xa temos recoñecidas. No sector marisqueiro estamos co problema das toxinas. Temos dereito a un paro remunerado, pero hai que pedilo a comezos de mes. É dicir, se a toxina aparece a mediados de mes, non podes solicitar a prestación. Parece que algunhas cousas están feitas para non poder cobralas, o que non ten sentido. Despois, nós coñecemos os problemas do sector galego, pero hai que poñer en común os de todas as mulleres que integran a asociación, tamén de Andalucía e a Comunidade Valenciana. Pode que sexan semellantes aos nosos e pode que haxa algún moi diferente.

-O Goberno vén de recoñecer a actividade das redeiras mediante unha medalla. Declaración de intencións ou simple xesto?

-É certo que as institucións poden facer máis por nós, pero elas loitaron moito para conseguir ese recoñecemento. Están a traballar moi ben, fixeron moitas cousas, como a federación galega, e tamén están a diversificar o seu traballo.

-Galicia perdeu o 41% das súas mariscadoras a pé desde 2001. Como se pode parar esta sangría de empregos?

-Traballando ben e dándolle un valor ao noso oficio, facéndoo atractivo para as novas xeracións. É un bo momento, xa que a xente volve ao sector durante a crise. O ano pasado concedemos 20 novos permisos de marisqueo en Arcade e solicitáronos 100 persoas.