A festa da Dorna

23.07.2016 | 01:08
A festa da Dorna

Santa Uxía de Ribeira, cando aínda era Santa Eugenia para a xente do común -é dicir, do mar- e Ribeira se escribía con "v" ten, para o arriba asinante, moitos referentes polos anos alí vividos: a fonte de Padín, as rochas dos Túneles e a Garita, a cova do Fonforrón preto de Fondevila, as desaparecidas praias do Alemán e de Colomer, o vello amigo Claudio (que mazaba o polbo -daquela pulpo- para La Cuba na rampla do varadoiro) que, disque, quedou "raro" polo estoupido dunha bomba na Guerra Civil Española, as dunas de Corrubedo e o bruar do seu mar, a xente sempre amiga...

Pero, sobre todo, as dornas brancas e negras, brancas e azuis, brancas e vermellas, roxas e negras, azuis e negras de distinto tipo e porte: as xeiteiras, as polbeiras, as de tope a meca ou a tramalleira que sucaban a ría de Arousa pola banda de terra do faro da Insua nas primeiras horas e retornaban cando o sol comezaba a deitarse por detras dos Túneles. Coa vela de relinga despregada, de haber vento mareiro. E de non ser así, a remo, este xunguido ao tolete por un estrobo que producía un ruído moi característico ao vogar.

Cantos soños de rapaz nos que os drakkar viquingos se achegaban de novo á ría de Arousa para intentar chegar a Compostela e eran interceptados por unha frota de dornas que lles facían a competencia e os obrigaban a fuxir!

Desta volta a dorna, na súa festa do día 24 de xullo, cumpre neste 2016 o seu LXVIII aniversario. E aínda me parece ver a Tucho Roibal, a Romero, a Juan Emilio Álvarez de Prado, a Pepe Núñez e moitos máis traballando na única aula do Colexio Compostela -a carón da igrexa parroquial- debuxando e pintando dornas como achegas sumamente artísticas aos carteis que dende os escaparates dos comercios locais anunciaban a correspondente edición da Festa da Dorna organizada pola Real e Ilustre Confraría da Dorna. Os socios desta entidade, coa colaboración do pobo de Ribeira, entregaban a unha familia necesitada o mellor instrumento de supervivencia: unha dorna para ir pescar, no canto de agardar a que alguén trouxese un peixe a casa para poder comer.

Eran, aqueles, tempos nos que os rapaces das escolas saudaban pola rúa aos seus profesores cruzando os brazos ao se achegar a eles para lles desexar: Que usté lo pase bien. Ou, na propia escola, para pedirlle permiso para ir ao retrete: ¿Puedo ir a la piesa? Pero a dorna (ou as dornas), ano tras ano aparecía como por encantamento na rampla do varadoiro para ser entregada a quen a real e ilustre confraría determinara.

Era unha festa cidadá, neste primeiro acto amenizada pola Charanga, unha banda de música á fronte da que estaba o mestre Severo, que interpretaba o himno de España con galanura e bo xeito, á que seguía unha verbena popular e, pola noite, un baile "de gala" primeiro no Casino e, poucos anos despois, na sala de festas Cambeiro. Homes e mulleres, mozas e mozos coas súas mellores galas.

O importante da festa sempre foi, sen embargo, a doazón a unha familia precisada de axuda, dunha dorna para ir pescar. Sesenta e oito anos máis tarde poucas son as dornas que quedan en Ribeira, pero a festa segue a liña que Lisardo Valeiras Bravo, sendo daquela estudante de Maxisterio e vendedor no comercio do Prixelo (Almacenes Santos) e posteriormente alcalde ribeirán, iniciara cun foguete "especial" a era do espazo "botado" no recheo do peirao e que, como é normal, estalou pero non subiu.

Unha festa do mar, de mariñeiros-dorneiros para loitar contra a pobreza, que medrou porque quixo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine