As Irmandades do Mar

25.09.2016 | 01:59
As Irmandades do Mar

O mar precisa dunha irmandade de mareantes que vaia máis alá, moitísimo máis alá, do feito solidario consecuente a un accidente ou incidente no mar. Mesmo máis alá do que chegaron os mareantes galegos, especificamente os gremios coruñeses, cando crearon un mundo especial de seu que deu sona de solidariedade a un sector produtivo que mesmo deu nome a un barrio novo que ampliou a Cidade Vella.

Se para a asociación Os Amigos da Fala -primeira denominación do que posteriormente sería a xa centenaria Irmandades da Fala- "o Estado é obra dos homes; a nacionalidade, de Deus", ¿de quen é a inxente obra do mar, o mar mesmo, no que os mariñeiros galegos levan traballando séculos e séculos sen que ninguén, dende o primeiro momento, recoñeza o valor verdadeiro, real, dese labor?

Concordamos cando dicimos que o mar é de todos?

Non.

O falar non ten cancelas: o mar é duns poucos. É, sobre todo, dos países que se autotitulan ribeiráns polo simple feito de lindar con este, agora. Mais por riba destes dereitos de pernada están eses outros que se outorgaron a si mesmos aqueles estados que, en base ao Dereito Internacional do Mar ampliaron os seus dominios ás 200 millas para fincar nelas a bandeira da propiedade dunha Zona Económica Exclusiva na que só eles poden facer e desfacer ata chegar a recortar dereitos coma o da navegación ou paso inocente (sen pescar).

Se a nacionalidade fose cousa de Deus, que Deus é o autor desa obra excelsa que é o mar? Quen manda no mar, que cada día que pasa ten menos espazos libres para pescar? Porque o mar, ao igual que a vida, naceu libre. Foi libre ata que alguén veu o negocio nel. Agora mércanse licenzas de pesca, dereitos de investigación submarina para a explotación de minerais e/ou combustibles fósiles que se esgotan en terra, parcélase o mar para que florezan esas especies de plantas -nenúfares- construídas polos homes en aceiro para que no interior do círculo se críen, engorden, enfermen e se capturen ou morran os salmóns que nunca ata o de agora existiran na rías galegas.

Para min que o mar non é cousa de Deus. Poida que sexa unha cuestión de Estado pero non do Estado. O mar é dos mariñeiros que viven del. Das mariscadoras que o peneiran nos areais na baixamar. Dos mariscadores a flote que lle cardan o lombo coas varas da ameixa. O Estado regula o que o home do mar, o mariñeiro, sempre coidou e agora, sen dereitos sobre el, agocha o seu cabreo no antepeito da vida para non saltar de vez enriba de quen esgrime dereitos que nin Deus lle concedeu.

Agora que todos os partidos políticos se dirixen ós mariñeiros -dos que se esquecerán en canto remate o actual periodo electoral- deberan crearse as Irmandades do Mar como única resposta válida a canto en terra se coce couceando no cu a aqueles que, dende sempre, tiveron o mar como a súa casa, herdado dos seus antergos, con dereitos consuetudinarios que o mesmo valen para un roto que para un descosido, pero que para os galegos son fundamentais. Unhas Irmandades do Mar que transcendan do propio para ver o de todos, que falen por si mesmas e sen necesidade de escoitar argumentos definitorios de dereitos feitos a man como é o Plan de Acuicultura que lle pon preservativos a unhas rías cuxo profiláctico máis válido sempre foi a marea vermella.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine