A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim), dependente do Ministerio de Fomento, emitiu un informe sobre o envorcamento e afundimento do pesqueiro Casal Verdes -acontecido en agosto de 2015 nas proximidades de Razo (Carballo)- no que conclúe que a causa do accidente foi un golpe de mar.

O documento tamén engade como motivos "subxacentes" do accidente que houbo unha "incorrecta planificación" da travesía por parte do patrón, que non evitou unha zona de rompentes no seu traxecto de regreso a porto. Ademais, remarca que a embarcación non levaba radiobaliza e tampouco a zafa hidrostática que permitiría o despregamento da lancha salvavidas, elementos que non son obrigatorios pero, "á vista das circunstancias", recoméndase a súa instalación.

Os dous tripulantes do pesqueiro quedaron á deriva durante oito horas na auga, agarrados a aros salvavidas, ata que unha persoa os escoitou e deu a alerta. Ambos presentaban síntomas de hipotermia cando os rescataron.