A pesca é unha das profesións máis arriscadas que existen, ata o punto de que o seu índice de sinistros é case o dobre que a media do total de actividades económicas, segundo os datos de 2015 do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, dependente da Xunta. Só na última semana producíronse varios accidentes no sector, incluída a morte de dous mariñeiros mentres traballaban, o que dá boa conta deste feito e reabriu o debate sobre a seguridade a bordo.

Os datos do Goberno galego amosan que, mentres o número de accidentes por cada 100.000 traballadores no total das actividades económicas diminuíu de forma constante no período de 2005 a 2015 (de 5.929 a 3.295 sucesos, -44%), o descenso na pesca foi menor e estivo inzado de altibaixos (de 7.174 a 5.261, -26%), co que o índice chegou a situarse moi preto dos sectores da industria e da construción, os que rexistran unha maior sinistralidade. No ámbito dos accidentes mortais, en cambio, a pesca lidera de forma clara a clasificación cunha taxa (53,75) que só caeu de forma leve desde 2005 e multiplica por sete a media galega (7,93).

Un informe presentado esta semana pola Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar) amosa que as causas máis frecuentes dos accidentes se deben ao abandono dos chalecos salvavidas, a demora en pedir auxilio, as xornadas de traballo prolongadas e o exceso de confianza. Fundamar, formada por representantes do sector e os sindicatos, presentou unha nova campaña co obxectivo de incrementar a prevención para evitar os incidentes pesqueiros.

O arrastre e o cerco son as frotas con maiores índices de sinistros, segundo datos do Ministerio de Emprego, que indican que a maior parte dos accidentes mortais ocorren mentres se operan os aparellos de pesca, especialmente no momento do virado, o que encaixa cos dous falecementos da última semana. O primeiro aconteceu nun cerqueiro, cando un dos tripulantes quedou atrapado no aparello, levou un golpe contra a borda e caeu ao mar. O segundo foi nun arrastreiro, xustamente na operación de virado, cando un compoñente do aparello se soltou e impactou na cabeza do mariñeiro. A proliferación de campañas para concienciar e fomentar a seguridade a bordo non semella capaz de deter este problema.

Precisamente, onte deron comezo as xornadas A pesca e o seu entorno sociolaboral, organizadas pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores, nas que a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, recoñeceu que aínda queda "moito por facer" no ámbito da seguridade marítima e apelou ao diálogo entre a frota e as administracións para mellorar a lexislación vixente.

CCOO, por outra parte, foi máis alá e criticou o feito de que as investigacións oficiais sobre os accidentes non permitan reducir os sinistros, xa que "non serven" para que se apliquen "melloras substanciais" nas condicións de traballo. "As mortes son noticia nos medios de comunicación no propio día, pero pasan ao esquecemento con notable rapidez e finalmente convértense nun apuntamento estatístico máis", lamentou o sindicato, que esixiu ás autoridades investigacións "áxiles, profesionais e concluíntes" para esclarecer as causas e poder entón adoptar medidas oportunas para pór freo ao que cualificou de "epidemia".

Mentres o sector e as administracións debatían sobre a seguridade, onte foi unha nova xornada de sucesos no sector pesqueiro. Dous tripulantes foron evacuados ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña despois de resultar feridos nun accidente laboral a bordo. Pouco despois, un mariñeiro foi auxiliado en Carnota logo de quedar atrapado debaixo da súa embarcación, que envorcou. Por último, a tripulación dun pesqueiro tivo que ser rescatada en Baiona tras incendiarse o seu barco.