O investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO), Pablo Carrera, participou o venres nas xornadas sobre a Política Pesqueira Común (PPC) e a sobrepesca organizadas na Coruña por Ecologistas en Acción. Carrera informou da situación dalgúns dos stocks de maior interese para a frota pesqueira galega, como o da sardiña, que a mediados deste ano experimentou un incremento de cota do 21%, a pesar de que o Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM) aconsellaba baixala este ano para poder subila o ano que vén.

-Será posible aumentar de novo a cota de sardiña de cara a 2017? Incumpriuse a recomendación do ICES.

-A verdade é que esta última subida de mediados de ano sume a situación da especie na incerteza. Todos os cálculos que facemos en canto á recuperación da sardiña están derivados da presión pesqueira que se lle faga. Aínda que actualmente é moi baixa, o tamaño da biomasa tamén o é. Iso provoca que as posibilidades de recuperación do stock dependerán unicamente do éxito que teña no recrutamento [incorporación de alevíns]. Estamos pendentes de que ese aspecto sexa bo, e iso tamén depende de que haxa máis biomasa no mar. Se isto non se dá, hai un risco importante de que a recuperación sexa máis longa. Esa é a verdadeira consecuencia de ter subido as capturas este ano. Posiblemente, tardaremos máis en ver melloras.

-Como recibiron os científicos a subida de mediados de ano?

-Detrás do noso consello está a perspectiva biolóxica, pero tamén hai que ter en conta as partes social e económica. É difícil de saber como compensalas. Podemos comprender que a nivel social sexa necesario un incremento, pero o que hai que ter claro é que iso leva consigo un risco maior de que a recuperación da especie se retrase.

-Están en bo estado as especies que pesca a frota galega?

-En principio a maioría está con tendencia a mellorar, agás o xurelo do Cantábrico. É a única que vemos con preocupación. Mentres de Fisterra para abaixo non ten ningún problema, porque está a recrutar ben e a taxa de explotación é relativamente baixa, o outro stock non vai ben precisamente porque leva moitos anos sen que se sumen demasiados exemplares á poboación adulta. Ten unha taxa de mortalidade baixa, pero irá a peor.

-Por que se recomendan rebaixas de cotas cando as especies aumentan a biomasa?

-O que facemos está baseado nas regras de xogo que hai e que foron acordadas internacionalmente. As normas din que hai que levar todas as especies ao obxectivo do rendemento máximo sostible (RMS), porque se supón que ese nivel de biomasa reduce o risco de grandes caídas no stock ao tempo que maximiza os beneficios. Isto significa que o consello científico tende a manter ou incluso diminuír os Totais Admisibles de Capturas (TAC) para o próximo ano incluso en poboacións de peixe que están aumentando o seu tamaño, porque aínda están por debaixo do RMS.

-É o caso da pescada ibérica?

-Si. A poboación mellora, aí non temos ningunha dúbida, o que pasa é que aínda está un pouco por debaixo da que se considera que daría rendementos ao máximo nivel.

-Falta pedagoxía por parte da comunidade científica?

-Creo que nós non somos os únicos que debemos facer esa pedagoxía, porque todos os acordos de aplicación destes criterios se tomaron a nivel mundial entre os países. Os humanos non somos os únicos que vivimos destas poboacións de peixe, xa que forman parte dunha comunidade complexa e están integradas nun ecosistema que ten que estar saudable. Temos que alimentarnos nós, pero tamén teñen que comer todos os animais do mar. Ademais, hai que ter en conta que a vontade de mellorar os stocks xorde nun momento en que os caladoiros estaban moi mal.

-No caso da cigala, xa leva varios anos en veda e a frota critica que as medidas de xestión non funcionan.

-Pode ser. A cigala ibérica é un caso paradigmático dunha poboación en mal estado. Os rendementos foron caendo e a biomasa non dá para manter unha actividade económica, iso é así. Por iso se decidiu decretar un peche. O que pasa é que agora necesitamos que as poboacións recuperen, e iso é unha cuestión de hábitat, polo que se deberían encargar estudos para determinar o deterioro dese hábitat. Nós o único que podemos facer é dar consello sobre o estado biolóxico da especie, pero cómpre ir máis alá e estudar os medios naturais nos que se desenvolven os stocks. Xa nos gustaría facelo, pero os medios son os que son, e máis nun contexto de crise.

-Entón, non é un problema pesqueiro?

-É algo moito máis complexo que a pesca. Non hai un único culpable. O que hai é unha serie de actuacións do home sobre o ecosistema que afecta o desenvolvemento normal desta especie, pero a sobrepesca foi un detonante. Había unhas taxas de explotación por enriba do nivel de crecemento, polo que a biomasa caeu.

-A frota critica que, no caso da pescada do norte, a abundancia pode afectar a outras especies. É certo?

-O que está a pasar coa pescada do norte é que, a medida que esas augas se fan máis habitables para ela, esténdese e coloniza novas zonas de distribución. Como a zona é máis ampla, a cantidade de peixe é maior, iso é evidente. Sobre o outro tema, a pescada é un peixe depredador, pero non é un depredador selectivo. Come o que haxa dispoñible, mesmo as súas crías. As interaccións máis grandes danse con especies abundantes que cohabitan con ela, como o lirio ou o xurelo, que non son importantes para a frota española en augas de Gran Sol. De todas formas, habería que ver a que peixes se refire o sector.

-Para a anchoa tamén se incrementou a cota a mediados de ano. A boa situación do stock permitirá un aumento de cara ao ano que vén?

-No bocarte hai bases para manter dúas poboacións distintas: A do Cantábrico e a IXa, de Fisterra para abaixo. No Cantábrico, o plan de xestión actual é sostible. Ese plan fíxose para un momento de saída dunha grande crise da especie, pero agora está ben, polo que haberá unha adaptación da actividade para mellorar o máximo de capturas. Mentres, a zona de Fisterra para abaixo é máis polémica de xestionar. Nos últimos 30 ou 40 anos, que é o período do que temos datos, a biomasa estivo sempre situada no golfo de Cádiz. Pero tamén hai poboacións pequenas que, cando as condicións son boas, emerxen ao longo da costa portuguesa e as rías galegas de forma espectacular. Eran especies accesorias, pero agora en Portugal hai moita, e ata aquí tamén chega. Estes exemplares non pertencen ao stock do golfo de Cádiz, senón que emerxen e desaparecen, o cal dificulta a xestión.