Profesionais do sector marisqueiro galego denuncian que o sistema de control do Instituto para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, ten un "punto cego" que permite a comercialización de mexillón contaminado por biotoxinas. O fallo, segundo estes produtores e vendedores, explícase pola cantidade de tempo que transcorre dende que as confrarías envían as súas mostras ao centro do Intecmar, en Vilaxoán (Arousa), ata que as autoridades as analizan e deciden se a zona de produción permanece aberta ou pechada, un proceso que pode demorarse ata dous días en zonas afastadas do centro de control. Isto, sumado a que cando se pecha unha zona non hai obriga de devolver o marisco extraído nos días previos, fai posible que partidas de molusco con biotoxinas cheguen aos establecementos e aos consumidores.

Martín Senande, mariscador e vendedor da zona de Cabana de Bergantiños, na Costa da Morte, explícao así: "Aquí mándase unha mostra o luns, a través dun servizo de mensaxería. Chega o martes e, normalmente, os resultados publícanse o mércores pola mañá. A lei di que o marisco recolleito durante o día anterior ao peche pode ser devolto, aínda que non é obrigatorio. En cambio, non establece nada sobre as 48 horas anteriores, polo que ás veces, cando chega o resultado das análises, o produto xa se vendeu dous días atrás", relata. Senande, que administra unha pequena depuradora, asegura que prefire non correr "riscos" e non vende marisco ata que chegan os resultados, pero afirma que empresas máis grandes e cunha maior demanda "non se poden permitir parar".

A directora do Intecmar, Covadonga Salgado, asegura en cambio que esta posibilidade é "moi excepcional", xa que a maioría dos resultados se dan ao día seguinte de recibir as análises. "En todo caso, a lexislación da UE indica que a responsabilidade neses casos é dos que comercializan, xa que tamén deben analizar o seu produto", explica Salgado, que engade que, cando se decreta un peche, os inspectores da Xunta "controlan" onde se distribúen esas partidas e "críbanas", co que, se detectan algunha irregularidade, sancionaríase aos responsables da venda.

A directora do organismo dependente da Consellería do Mar recalca que o sistema galego é "exemplar" e así o recoñecen as institucións comunitarias. "Ninguén fai tantos controis e os riscos son moi reducidos", conclúe.

Outro comercializador de marisco da zona da Coruña, que preferiu non identificarse, argumenta en cambio que moitas empresas non adoitan realizar análises privadas polo seu alto custo ou a falta de tempo, co que se basean unicamente nos controis do Intecmar. "No caso das depuradoras pequenas, é demasiado custoso analizar todas as partidas que están nunha situación dubidosa, especialmente no verán, cando o problema se agrava pola proliferación das mareas vermellas. As grandes, por outra banda, están sometidas a unha gran presión pola demanda de produto e non sempre se paran a analizalo", asegura.

Por outra banda, Senande critica que a "escaseza" de análises, realizados unha vez á semana, lastran a produción. "Se enviamos unha mostra ao Intecmar un luns e nos pechan o mércores, temos que esperar ao luns seguinte para volver mandar o produto e agardar dous días máis para saber o estado da zona de produción. Imaxina que nos abren (sobre os resultados do luns), como sabemos que o produto non cumpría os requisitos dende antes? É moi probable que perdésemos varios días de extracción nese tempo no que non se analizou nada", explica o produtor. Por iso, demanda "polo menos" dous controis semanais e máis centros de análise preto das rías do norte de Galicia para reducir os tempos de espera.