A represión franquista no mar da Coruña

O historiador Dionisio Pereira percorre na súa obra as consecuencias do golpe de estado de 1936 no sector pesqueiro coruñés, especialmente perseguido e castigado polos falanxistas

16.12.2016 | 01:18
Unha vintena de cadros sindicais coruñeses chegan a Xixón en 1937, despois de fuxir da Coruña a bordo do barco rebautizado como ´La Libertaria´.

Manuel Montes, José Gómez Roibal, María Bello, Teresa Varela Son algúns dos nomes das persoas pertencentes ao sector do mar asasinadas na Coruña e a súa área metropolitana durante o golpe de estado do 1936 e a posterior represión. Só na cidade, cando menos 17 mariñeiros e dúas empacadoras morreron a mans dos promotores do golpe, arredor do 6% do número total de asasinados, segundo datos do proxecto Nomes e Voces. En Galicia están documentados os asasinatos de 312 persoas do sector -o 40% pertencentes á CNT-, máis do 10% da cifra total de represaliados cando a pesca representaba só o 6% da poboación activa.

Non é casualidade, xa que o sector marítimo-pesqueiro foi un dos máis castigados polo franquismo en Galicia, como explica o historiador coruñés Dionisio Pereira na súa obra Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939). Fronte á imaxe actual dunha frota pouco reivindicativa e con escasa presenza sindical, Pereira describe un ambiente conflitivo e caracterizado polo antagonismo entre as organizacións mariñeiras de clase e as patronais de armadores, nun momento de transición cara unha pesca industrial palpable de forma especial nos grandes portos galegos.

"No período anterior á Guerra Civil, o da industria pesqueira e os seus derivados foi o único sector integrado da economía galega, dende as faenas de pesca até a transformación do produto. Tamén cabe lembrar que no Estado español, Galicia liderou de maneira indiscutible esta actividade", sinala Pereira. Esta situación posibilitou que a CNT galega se expandise polos portos cos seus sindicatos de industria pesqueira (SIP), un proceso culminado coa creación da Federación Regional Galaica de Industria Pesquera (Frgip), que chegou a contar na II República con 18.000 afiliados e afiliadas en 47 portos do litoral galego, o que representaba unha taxa de sindicación situada "en torno ao 25% ou 30%" do total da xente empregada en tarefas relacionadas co mar (unhas 60.000 persoas a comezos dos anos 30, máis do dobre que na actualidade).

Na Coruña destacou a sección de mariñeiros do SIP, denominada Despertar Marítimo, referente da contestación social -moitas veces clandestina- na cidade e que lideraría algunhas das fuxidas por mar máis destacadas de todo o Estado.

"Ata os condutores das camionetas de peixe estaban afiliados", relata o historiador, que explica que a Frgip foi unha das primeiras federacións sindicais de industria do Estado. Este ambiente reivindicativo levou aos mariñeiros a conseguir avances importantes coma incrementos de xornais (para os arrastreiros do Gran Sol) ou das horas de descanso por marea, pero tamén xerou conflitos cos armadores, que se vingarían despois do golpe.

Os sindicatos de clase agrupaban a maioría dos traballadores asociados, pero outra parte importante das organizacións do sector eran mixtas (mesturaban pequenos armadores e mariñeiros). Dentro destas destacaban os Pósitos, de carácter mutualista, asistencialista e cooperativo, que en 1943 pasarían a ser reformuladas como Cofradías de Pescadores, coa incorporación da confesionalidade católica. Sindicatos e pósitos agrupaban o 40% dos traballadores da pesca galega.

Golpe e represión

O golpe de estado estala na cidade da Coruña o 20 de xullo de 1936. Ese mesmo día soan as buguinas dos barcos e os sindicatos fan unha chamada á folga xeral para protestar contra a sublevación. Os folguistas paralizan o porto e interceptan camións cheos de peixe para repartilo entre a poboación. A cidade convértese no escenario de diversas confrontacións entre os partidarios do golpe e os que se manteñen fieis á República, situación que xera as primeiras vítimas do sector do mar. O fogueiro José Díaz González desaparece durante o conflito na praza da Palloza e unha directiva da sección de empacadoras do SIP local, a portuguesa María Bello, é asasinada o 22 de xullo.

A folga mantívose durante case un mes e a frota coruñesa non volveu pescar -de xeito parcial- ata o 15 de agosto, aínda que con condicións impostas polas novas autoridades e as patronais, que acolleron o golpe "con satisfacción", segundo Pereira: "Na intensidade da represión contra os mariñeiros galegos, cun mínimo de 130 sindicalistas asasinados e máis de mil procesados en toda a nosa beiramar, influíu de maneira determinante a actitude vingativa da grande patronal pesqueira e conserveira". Desta actitude dan boa conta os casos de persecucións e consellos de guerra que sofreron numerosos mariñeiros e que foron instigados polos propios empresarios, que en ocasións exerceron como delatores. Non foi sempre así, xa que hai casos documentados de propietarios de barcos que intercederon polos seus empregados. Incluso houbo pequenos armadores afíns á República que foron ameazados, coma o da embarcación malpicá Republicana, que pasou a chamarse Xa está ben.

Como consecuencia da folga, as delegacións marítimas desenrolaron os tripulantes insubmisos e esixíronlles certificados de boa conduta para volver embarcalos. Por outra parte, era común a presenza de falanxistas a bordo dos barcos para controlalos, unha situación que xeraba tensións e mesmo conflitos coma o que finalizou no asasinato en 1936 do patrón de parella de arrastre Bautista Mosquera. Tamén había rexistros a pesqueiros en alta mar, para os que a Comandancia Marina coruñesa contaba con seis bous artillados.

Hai dous motivos que explican a teima dos sublevados por controlar de forma férrea o sector pesqueiro: O peixe en conserva era un activo indispensable para alimentar o exército franquista, que tamén precisaba controlar a súa retagarda, xa que, como indica Pereira, sempre temeu unha incursión republicana que contaría coa axuda de boa parte dos mariñeiros galegos.

O novo réxime imposto polas armas tamén pretendía evitar as fuxidas por mar, que foron unha constante durante a Guerra Civil. Pereira documentou un total de 22 fugas desde o porto coruñés, o Portiño de San Pedro ou desde A Pasaxe e As Xubias entre 1936 e 1939, 14 delas con éxito. "Toda unha epopea heroica que foi posible mercé á rede de evasión artellada polos militantes anarcosindicalistas do Despertar Marítimo, tendo en conta que a participación nelas significaba en moitas ocasións a morte a mans dos franquistas", engade o historiador, que destaca dous destes episodios, precisamente por ter finais antagónicos.

A primeira é a fuxida en 1937 de 20 cadros sindicais da CNT coruñesa a bordo da gasolineira Conchita, que rebautizaron como La Libertaria durante a viaxe cara Xixón, onde chegaron sans e salvos o 7 de xaneiro. Non foi o caso da fuga, en agosto dese mesmo ano, do boniteiro Explorador, que rematou coa detención de 19 persoas. "Delas, un cenetista moi coñecido na Coruña, Antonio Torres, apareceu morto na contorna da Torre de Hércules e outros catro sindicalistas mariñeiros foron fusilados en punta Herminia", relata Pereira. No plano positivo tamén se atopa a chegada do pesqueiro coruñés Constante Veiga ao porto de Brest, que recolleu no seu día a prensa francesa.

Ante este clima de rebeldía, as autoridades impuxeron a Ley Penal de la Marina Mercante e o Código de Justicia Militar na pesca, algo que, para o historiador, influíu de maneira decisiva nunha desmobilización sindical da que o sector nunca se recuperou, con notables excepcións, ata hoxe. "Foi un antes e un despois", conclúe.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine