Covadonga Salgado dirixe o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), un centro de referencia na detección de toxinas que recibe máis dunha vintena de visitas anuais para coñecer o seu funcionamento. O Intecmar está a desenvolver na actualidade unha investigación denominada DeMeTox sobre a implantación dun novo método de análise de toxinas nos moluscos bivalvos.

-Por que xorde o proxecto DeMeTox?

-Galicia produce o 95% dos moluscos bivalvos de España e, ademais do recurso, temos o risco. Na lexislación europea, para simplificar, hai tres tipos de toxinas mariñas: amnésicas (que son as que máis afectan á vieira), paralizantes e lipofílicas. Para as toxinas lipofílicas o método de referencia foi o bioensaio con ratos ata 2011, cando saiu un novo regulamento que o eliminaba e impoñía como referencia un método químico, a cromatografía líquida de masas, que funciona dende 2015 co 100% das mostras. Unha parte da acción de investigación DeMeTox vai vinculada co método que xa estamos a aplicar con estas toxinas, para intentar reducir o número de impurezas que van ao equipo e reducir a etapa de mantemento e limpeza para ter un sistema máis áxil.

-E nas toxinas paralizantes?

-Nelas o método de referencia é o bioensaio con ratos. O Intecmar é consciente de que a Unión Europea ten a intención de cambiar o método de referencia neste 2017 á cromatografía líquida con detección por fluorescencia, aínda que vai seguir permitindo o bioensaio. Nós estamos a traballar no futuro método de toxinas paralizantes (PSP) e no xa actual método de referencia de lipofílicas para intentar optimizar, simplificar e mellorar os métodos e adaptalos á velocidade e axilidade que demanda o sistema de control de Galicia.

-Que resultados deixan os oito meses que levan de investigación?

-Traballouse en cinco das 22 etapas ou subetapas que se identificaron. Nalgúns casos os resultados non foron positivos. Noutros, onde se traballou con distintas columnas cromatográficas para acadar maior velocidade, sí. Viuse que en dúas das 18 columnas que se probaron se poden obter resultados rápidos de todas as toxinas. Por outro lado, estase a estudar a posibilidade de combinar ata dez mostras a modo de cribado cando non hai episodio tóxico: se non hai toxina no combinado, non hai toxina en ningunha.

-En que consiste o método químico?

-O método químico require coller os moluscos, extraer a vianda, triturala e extraer cun medio ácido e filtrar ou centrifugar o líquido. Este líquido purifícase e pásase a través duns filtros para eliminar impurezas. Hai que separar en diferentes cartuchos as toxinas, oxidalas para que sexan unha forma química que o detector de fluorescencia poida ver e detectar. Este método require dun equipo instrumental de cromatografía líquida de detección por fluorescencia, de disolventes caros e dun persoal máis especializado.

-Supuxo unha gran inversión para o Intecmar?

-Ata o momento, temos un equipo e a nosa idea é adquirir un máis. Cando teñamos optimizado o método, haberá unha etapa de transferencia e posta a punto cun bo equipamento.

-Que vantaxes e desvantaxes ten o novo método con respecto ao anterior?

-Cando falamos de toxinas PSP estamos a falar de 20-25 estruturas coñecidas e cando se emprega o bioensaio con ratos non especifica cal é a que lle fai mal. Este novo método vai identificar o tipo de toxinas e elimina o uso de animais na experimentación. Como desvantaxe, vai ser difícil acadar un número de mostras tan elevado como o que facemos aquí á mesma velocidade. Agora recibimos as mostras pola mañá e temos os resultados pola tarde, pero este vai ser un método máis lento e máis caro porque é instrumental.

-Resulta tan fiable como o bioensaio con ratos?

-Temos que pensar que si porque é un método que está validado pola Asociación Oficial de Químicos Analistas.

-Cando está previsto que se leve a cabo a implantación total?

-Aínda non saíu a normativa, polo que é moi aventurado pensar cando vai estar a implantación rematada. Se a norma sae en 2017 e hai un período de moratoria que posiblemente non sexa tan longo como o de 2011 para as toxinas lipofílicas. Poderiamos pensar en 2019, que é precisamente cando remata a acción de investigación.

-En que situación estamos neste asunto en relación con outras comunidades e países?

-Galicia ten un dos mellores sistemas de control non só de España, senón de Europa e do mundo. Somos a principal rexión produtora de moluscos e temos a necesidade de ter un bo sistema de control pola presencia importante de toxinas de xeito regular. É un sistema moi aberto, moi transparente, que permite a consulta a través da páxina web das analíticas en curso ou das mostraxes É un sistema moi áxil e dinámico, que ten que cumprir coas normativas europeas, cos métodos de referencia e empregar sempre sistemas acreditados.

-Galicia está á cabeza na implantación do método químico?

-Non, porque aínda non o temos implantado pero estamos a traballar antes de que saia a nova lexislación. O noso é un sistema de control punteiro en Europa e fomos o primeiro laboratorio de control oficial de España en ter acreditado o método químico para toxinas lipofílicas. O das paralizantes aínda non o estamos a aplicar nin está acreditado.

-Que repercusións pode ter este método para as zonas de cultivo? Pode provocar máis peches?

-En principio hai que pensar que non. O método está validado e debería acadar os mesmos resultados que o bioensaio, polo que non debería supoñer un aumento dos peches nas zonas de produción.

-No seu día dixo que podería baixar o límite de biotoxinas permitidas. Non implica iso un peche maior nas zonas de cultivo?

-O método ten capacidade para detectar niveis moi baixos de toxinas. Se eventualmente a CE rebaixase os límites legais, este método podería ser apto. Se se rebaixaran os límites, ao seren máis restritivos, os períodos de peche incrementaríanse. Non temos ningún indicio de que isto vaia pasar, de feito os informes da EFSA [a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria] que propoñían unha rebaixa dos límites son xa de 2009.

-Por que cre que Bruxelas decidiu cambiar a metodoloxía?

-O principal motivo foron todas as normativas de benestar animal que están intentando evitar o emprego de animais nas investigacións.