A exprofesora de Economía Aplicada e experta en Economía Pesqueira da Universidade de Santiago (USC), María do Carme García Negro, publicou a finais do pasado ano as Táboas Input-Output Pesca-Conservas Galegas 2011 no que fai unha radiografía do sector e o seu ámbito económico. Destacado polo propio sector, García Negro explica que o informe mostra os cambios que se deron na industria dende 1999, data de publicacións das anteriores táboas.

-Cal é a importancia deste informe?

-Este traballo reflicte o estado da pesca e a conserva galega en 2011. É a terceira estatística de táboas input-ouput do mesmo sector dende 1995. O que mostra dende unha perspectiva de relacións técnico-estructurais a influencia e relación económica da pesca cos restantes sectores da actividade económica. Dividímolos en 81 sectores, entre eles algúns do exterior, e vemos que a pesca e a conserva galegas teñen interrelación con 64 deles.

-Cal é o máis importante?

-Hai un aspecto importante que reflicten as táboas. Como son relacións técnicas no momento presente, non importa tanto a cantidade que miramos en euros como a súa importancia imprescindible para realizar a actividade. Un caso claro para exemplificar isto: se tomamos en conta tódolos sectores necesarios para prover o combustible co que desenvolver a actividade, o gasto en euros é enorme. Lóxico, non se pode saír sen combustible. Pero, examinando o que gasta a flota galega en auga potable, o gasto é insignificante en comparación, pero é igual de imprescindible. As factorías flotantes non poden saír do porto sen auga potable. Así pasa con tódolos elementos imprescindibles para levar a cabo a actividade. Ademais, hai outro dato importante: empregamos unha definición de pesca nova, xa que non só nos fixamos na pesca extractiva, tamén o facemos no marisqueo, a acuicultura, as industrias novas de conxelado e transformación?

-Todo isto da como resultado que Galicia é unha rexión altamente dependente da pesca.

-Claro, aínda que termo de dependencia pode ter un significado ambivalente ou líquido, como se di agora. Pode ser que Galicia dependa da pesca porque é moi importante para nós, pero tamén o fan todos os que son compradores do noso pescado. É dobre. É un gusto máis dicir que contamos cunha altísima especialización no sector pesqueiro e en todo o que acompaña ao ámbito económico. Cantos estaleiros e reparadores ou fabricantes de pinturas ou químicos non dependen do potente sector pesqueiro?

-Entón, veñen a reforzar a posición de Galicia na toma de decisións no seno da UE?

-Si, coas táboas anteriores, de 1995 e 1999, o sector pesqueiro xa empregou este instrumento para facer acto de presenza nas negociacións. Foi un mecanismo válido de recoñecemento xa entre o propio sector.

-Os datos recollidos no informe son do ano 2011 pero publícanse en 2016. A que se debe esta diferenza?

-A que o procedemento realizado conta cun alto rigor estatístico. Facemos nós mesmos as enquisas, excepto naquelas partes da industria que xa teñen a obriga de facelo. É un proceso moi lento e longo que require dunha investigación forte. Non foi feito como unha novación dos anteriores. Conocida a fotografía do ano 2011 é sinxelo traer os datos ao momento presente. Pódese facer unha perspectiva actual empregando eses datos.

-E cal é a diferenza co estudo do 1999?

-Houbo unha caída no número de unidades pesqueiras pero tamén deuse nova presenza na industria transformadora, hai novos produtos no mercado. Dende un punto de vista xeral, aínda que non me atrevo a dicilo, pode ser que se compensara un lado por outro referido ó valor económico total da actividade. Sempre é unha desgraza a perda dun barco, porque arrastra con el a actividade á que estaba vinculado. Ademais de que nunca se recupera a capacidade de coñecemento empresarial e de traballo e saber facer.

-Pertence ao Comité Asesor Científico y Técnico da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI). Que importancia ten?

-Só teño loubanzas para el. Todo o que supoña afondar no coñecemento científico é un aporte.

-Como experta en economía pesqueira, qué cre que vai pasar co Brexit?

-Escribín hai pouco un artigo e sinto disentir do pánico inicial que se creou. Nunca me sentín presa dun ataque de pánico e opinei que había que tomar a medida aos ingleses. Vai ser unha negociación durísima, pero no caso pesqueiro estarán tan interesados coma nós en manter os barcos alí. Agora din que vai ser un Brexit brando, pero veremos. Habería que facer unha negociación o mellor posible e prepararse para que o Estado español teña a mellor posición nelas.