O galego Xiao Recio Blanco estudou dereito e exerceu como profesor de Dereito Internacional no Centro de Investigación y Docencia Económica de México D.F. Fixo o doutorado en EEUU, onde actualmente dirixe o Ocean Program do Environmental Law Institute de Washington. O pasado luns fixo unha aproximación ao panorama global sobre os Totais Admisibles de Capturas (TAC) e as cotas no sector pesqueiro durante a I Xornada sobre a Pesca do Cerco que a Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga) organizou na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña.

- O sistema de cotas é o máis axeitado para xestionar a pesca?

-É unha ferramenta máis dentro de moitas outras que as autoridades públicas poden empregar para xestionar os recursos pesqueiros. Parece ser que é a máis positiva, pero non se pode tomar coma un dogma, porque a ciencia evoluciona moi rápido e hai tecnoloxías novas que nos poden permitir aprender outras formas de xestionar os recursos.

- Cal é a mellora máis importante que se debería introducir neste sistema?

-Aumentar o nivel de información que hai, porque os datos que temos sobre o estado da biomasa das distintas especies son moi limitados. Tamén hai que estar aberto e disposto a adaptar as normas segundo vai habendo máis información.

- Como afrontan as Administracións o reparto de cupos?

-As Administracións reciben un mandato legal que é moi xeral, como a consideración dos datos históricos, e teñen que interpretar a lei para cumprir cunha serie de obxectivos fundamentais como o crecemento sostible e o coidado do medio ambiente e da situación socieconómica das comunidades que están afectadas por esa decisión regulatoria.

- Como coida a Aministración esta situación socioeconómica?

-É posible presentar un recurso ante o poder xudicial se non estás dacordo coas decisións da Administración, pero esta pode beneficiarse moito dun contacto cercano cos productores e cos sectores afectados para recabar información e tomar mellores decisións. Os casos que analizamos no Environmental Institute que parecen ser máis exitosos son os que teñen unha grande honestidade e transparencia, e onde a necesidade de ter en conta os datos de todos os sectores está establecida por lei. O diálogo non é nunca a excepción, senón a norma constante.

- Funciona mellor o reparto individual ou o colectivo?

-O colectivismo funciona mellor. Con isto quero dicir que as cotas ou concesións de pesca estean en mans de asociacións e non de individuos porque iso une máis á xente que traballa no sector, axuda moito no cumprimento das normas. Problemas como a fraude nas declaracións de descargas conseguiron resolverse ao darlle o dereito exclusivo a unha cooperativa de pescadores que ten a responsabilidade de controlar aos seus compañeiros. A presión social axuda a resolvelos.

- Simplifica o colectivismo a xestión pesqueira?

-O problema da pesca é moi complexo, e ocorre o mesmo cos recursos mariños en xeral, porque, ademais da xestión pesqueira, a UE establece a necesidade de facer unha planificación espacial mariña.

- Que importancia ten esta planificación?

-É fundamental, xa que determina onde se pode pescar ou por onde van pasar as rutas de transporte marítimo. España tamén ten que cumprir as Metas de Aichi, que implican que o 10% das augas baixo xurisdición española sexan parte de áreas mariñas protexidas antes de 2020, polo que vai ter que declarar novos espazos. Nese proceso van ter que estar tamén os pescadores.

- En relación co aspecto mediambiental, cre que se prima sobre o social e o económico?

-Eu non diría iso. Houbo sobreeexplotación dos recursos durante décadas e os científicos opinan que a situación segue a ser moi delicada con moitas das pesquerías. Hai que darlle importancia aos tres piares e intentar superar un pouco a idea de que ou defendes o medio ambiente ou consegues produtividade. Pódese conseguir produtividade cunha boa defensa do medio ambiente.

- Cal sería a solución á sobrepesca ou ás cotas sobrantes?

-Unha solución inmediata podería ser a transferibilidade de cotas entre armadores da maneira o máis libre posible.

- O sector lamenta que o culpabilicen de que non haxa recursos mentres se permiten actividades como as prospeccións petrolíferas e de gas.

-A planificación espacial mariña supón resolver iso, conseguir un manexo integral dos recursos mariños en xeral, que inclúe a pesca, a prospección petroleira, os recursos xenéticos e todas as novas tecnoloxías de enerxías renovables marítimas. Hai temas moi importantes que a nivel internacional están fora da axenda da xestión pesqueira, como a polución que ven do interior ata a costa ou o cambio climático. Todo isto inflúe nos patróns migratorios de moitas especies e é un problema de primeira orde. A pesca non é a única responsable.

- A planificación espacial mariña é compatible cos cupos?

-Ese é un tema fundamental. Algúns mariñeiros quéixanse dos problemas aos que se enfrontan por ter cotas nunha zona ou noutra e este é un caso de separación espacial da actividade pesqueira que debería estar integrada cando se faga a planificación mariña en España. É o momento de intentar resolver eses problemas.

- Hai unha relación directa entre a biomasa e o sistema de cotas?

-Sen dúbida. O que digan os estudos ten unha gran influencia e aínda que sempre hai unha negociación política enriba do que di a comunidade científica, a base está aí e é moi relevante. O sistema de cotas pode mellorarse moito máis a medida que o fai a tecnoloxía e os científicos teñen ferramentas máis efectivas para saber que está a pasar coa biomasa e que nun futuro non tan lonxano poden ser moi efectivas para tomar decisións de carácter regulatorio.

- É posible a coxestión?

-A idea do sistema de coxestión é que as persoas que usan o recurso non só son pescadores, senón que tamén son un pouco científicos, policías e xestores. Hai exempos moi exitosos, como o de Fedecoop en México, onde se pasou de rexistrar elevados niveis de pesca ilegal a un sistema onde se crean unhas cooperativas que teñen un dereito exclusivo de pesca e dialogan coas Administracións pesqueira e ambiental. Neste caso, trabállase dentro dunha área mariña protexida cuns criterios de protección ambiental elevados onde manteñen un recurso moi produtivo, que alcanza un prezo elevado no mercado internacional e que ten beneficios para toda a comunidade.

- Pódese extrapolar este caso a Galicia ou España?

-Na lexislación pesqueira hai posibilidades de crear áreas de protección. A estes modelos xurídicos ninguén lles prestou atención pero poden ser moi positivos. Sobre todo se supón xerar canles de colaboración entre a Administración e os produtores. O pescador ten que estar tranquilo con cumprir a normativa e ter seguridade laboral no futuro e no medio mariño. Ás veces esquécese que os pescadores son os primeiros defensores do medio ambiente.