Basilio Otero é presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores dende o pasado mes de abril. O tamén patrón maior do pósito de Burela e líder da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo foi o único candidato ao cargo que cumpría todos os requisitos esixidos.

- Por que cre que non se presentou ninguén máis?

-Evidentemente, influiu a situación na que está agora mesmo a federación, sobre todo no económico.

- Como era cando chegou?

-Xa a coñecía porque como presidente da provincial de Lugo xa acudira a ela, pero no día a día descobres cousas novas. Fundamentalmente, o que lle falta á federación é traballo para recuperar as confrarías que perderon a confianza por diversos motivos.

- Que outros problemas hai?

-A federación debería ter unha visibilización do traballo realizado que non tivo e tamén unha comunicación permanente coa xente, non só a través de circulares, tamén persoal. Cada vez pérdense máis activos para acadar unha única voz en España e iso leva á perda de autofinanciación. As confrarías que marchan deixan de pagar: é unha pescadilla que morde a cola que leva ao deterioro da entidade.

- Que lle transmiten as confrarías nas reunións que manteñen?

-Hai varios rumbos que coller. A xente coa que falei que xa estaba na federación, e tamén a que está fóra, entende que é preciso ter unha única voz en España. É a única maneira. É un traballo lento e, desgraciadamente, non temos moito tempo para facelo, pero esperamos conseguir unha bolsa de aire para poder seguir adiante.

- É difícil administrar unha organización que está composta por entidades tan diferentes?

-É máis fácil xestionar confrarías diferentes como unha do Cantábrico e outra do Mediterráneo, porque os intereses non están contrapostos, que unha galega e unha asturiana ou cántabra, que teñen o mesmo cupo. Hai que dialogar, coñecer as necesidades de cada un dos pósitos e entender que no caso do Cantábrico as cotas son insuficientes para todos e que temos que loitar xuntos para conseguir máis. Ás veces nunha mesma provincia hai intereses contrapostos dunha zona a outra e o diálogo debe ser fundamental, a pedra angular sobre a que se sustente a federación.

- A que se debe a falta de unidade entre as confrarías?

-Ven dada en moitas ocasións pola falta de confianza e o personalismo. As confrarías miramos soamente para nós en vez de polo conxunto, por facer forza xuntas para alcanzar retos máis importantes cos que nos irían mellor as cousas. Repito que o diálogo e a visibilización do traballo que se fai son fundamentais. Somos representantes dos pescadores, tanto a federación nacional como a autonómica, a provincial ou a propia confraría. Representamos á xente que vai ao mar e os seus intereses deben ser os que primen.

- É posible deixar atrás ese individualismo?

-Sí, é un dos principais retos que temos e as confrarías, sexan catalanas, canarias, andaluzas ou do Cantábrico, entenden que debe ser así.

- Como é a actual situación económica da federación?

-Delicada. Temos máis gastos que ingresos. Hai que intentar conseguir máis financiamento, sobre todo a través da recuperación da autofinanciación, e tamén da aportación que nos dá o Estado todos os anos. Hai que facer un axuste nos gastos da asociación, que deberían adaptarse aos ingresos.

- Cantas confrarías están nunha situación delicada?

-Hai varios casos entre as arredor de 200 españolas e cada un debe analizarse de xeito independente. Moitas apenas se sosteñen elas mesmas como para pagarlle cotas a ningunha federación, sexa provincial, autonómica ou nacional. Débese ter en conta iso para chegar a ter a representación de todas.

- Como pode solucionarse?

-Estamos a traballar no tema. Gustaríame que se fixese de abaixo cara arriba. As propostas teñen que emanar do sector para que a voz que eu teño como presidente da federación nacional o defenda alá onde corresponda, pero hai cousas como o coñecemento de cada unha das zonas e dos pósitos que sí que ten que ir de arriba cara abaixo.

- Como é a relación coa Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura?

-Boa, somos organismos simbióticos. A Secretaría precisa á federación, porque é máis fácil falar cunha voz única que ir sector a sector, e a federación precisa á Secretaría para solucionar os problemas.

- A frota quéixase de que non chegan os cupos e hai comunidades nos que sobran. Por que?

-Dise por activo e por pasivo que co plan do Cantábrico Noroeste sobran cotas porque se repartiron dunha forma que non era a máis axeitada. Debería haber unha flexibilidade que permita o traspaso de cupos entre modalidades de pesca. Como exemplo claro, ao arrastre sobroulle pescada pero pechouse para as artes menores, e non é lóxico que no mesmo caladoiro a unha arte lle sobre a outra lle falte a mediados de xuño. Estase a falar con Madrid do tema. Alberto [López-Asenjo] dixo que tiñamos que aprender a compartir porque non nos podemos queixar de que nos falta cupo cando nos está sobrando a finais de ano; hai que chegar con cota 0.

- A federación propón entón o traspaso intermodal?

-Sí, efectivamente. Hai dúas vías para traballar coa Administración que permitan que os barcos vaian todos os días ao mar. Primeiro, ter máis cota, porque se ben é certo que sobra en algunhas artes, noutras non chega; e despois, a posibilidade dos cambios intermodais.

- Como ve as novas aplicacións para comunicar as capturas?

-Temos que saber exactamente o que plantexan: a que embarcacións se lle quere aplicar ou se ese novo modelo de comunicación vai eliminar algún dos existentes para facer máis cómodo o día a día.

- Que prexuízos ten o sistema de comunicación actual?

-Varios. Se ben en determinadas ocasións non se cumpren os prazos de entrega dos diarios de papel en menos de 48 horas, o que retrasa o reconto das pesquerías e facer un peche efectivo, pero non se poden pechar da mañá para a noite. Hai confrarías que están pechadas e non reciben o aviso. Temos peches de peixe sapo das tres da tarde ás doce da noite, cando se pode pescar con miños que están 24 horas no mar. Non lle podes dicir a unha persoa pola mañá que non pode pescar peixe sapo se xa o ten a bordo.

- Rafael Centenera fala dun exceso de frota...

-De que frota fala? En España non hai moito había máis de 20.000 unidades pesqueiras e agora hai 10.000. No Cantábrico reduciuse drásticamente en algúns sectores e non podemos permitir que os desguaces sirvan para adaptar a frota ás cotas senón que sexan éstas as que se adapten para poder traballar o máximo posible de días con rendibilidade. Cada vez que un barco desaparece, faino un montón de traballo directo e moito máis indirecto.

- O secretario general de Pesca fala de quintuplicar a producción acuícola...

-En España importamos moito máis peixe do que pescamos para comer, e se o imos importar, mellor que se produza aquí aínda que sexa en acuicultura que traelo doutros países, porque xera postos de traballo. Debemos loitar porque o noso peixe de pesca extractiva sexa diferenciado nos lineais correspondentes, darlle un valor engadido, e temos que empezalo os pescadores. Cada minuto que perdemos criticando á competencia perdémolo sen darlle valor ao noso, no aumento dos prezos e na competitividade.

- Que segmento de frota pasa por unha situación máis difícil?

-Estamos todos inmersos nunha voráxine de cambios tanto polas cotas como polos descartes, que obrigan a facer unha xestión moi acertada para poder ter un rendemento óptimo ao final do ano.

- Falta relevo xeracional?

-Sí, claramente, e non só de titulación senón, e eu creo que é máis grave, de armadores. Hai moitos xubilados con embarcacións que teñen fillos que en poucos casos pasan a dirixir a empresa, moitas veces pola falta de cotas e polos cambios que sufrimos. Este si que é un problema importante que temos que resolver entre todos, que non sexan as posibilidades de pesca ou os problemas que veñen da Administración os que nos fan dano, senón a falta de relevo xeracional.

- Que solución ten?

-No caso dos mariñeiros, hai frotas nas que se gañan moitos cartos, polo que non é problema de salario, polo menos no Cantábrico. No caso dos armadores, é unha cuestión de burocracia, de trabas de todo tipo. Dependemos de polo menos catro Administracións: Fomento con capitanía, Educación coas titulacións, Traballo co propio traballo e Pesca porque é o que facemos. Conxugar todo iso é moi complicado e igual foro n máis rápido as normas que nós en adaptarnos.

- Ten futuro o sector?

-Sí, somos xente loitadora e confío na adaptabilidade do sector e, por suposto, na súa profesionalidade para saír adiante.