Javier Quinteiro, científico do Laboratorio de Sistemática Molecular do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela (USC), busca un marcador para diferenciar o berberecho galego do resto pola súa procedencia xeográfica, proxecto que presentou esta semana no ForoAcui celebrado na illa da Toxa.

-Como xorde a idea de buscar un marcador de identidade do berberecho?

-O proxecto Valober.GAL xurdiu motivado pola presenza de especies distintas do Cerastoderma edule no mercado como se fose berberecho de Galicia. A financiación do proxecto foi solicitada pola confraría de Noia e está apoiado polo resto de pósitos que explotan a especie.

-Que se pretende?

-Elaborar unha técnica analítica para determinar cando un berberecho procede do cultivo ou explotación das augas galegas ou cando vén de fóra con etiquetaxe de orixe galega e compite directamente co de aquí mesmo nos mercados de Galicia. A confraría de Noia plantexou a necesidade de facer unha Denominación de Orixe Protexida (DOP), que se pode xestionar de xeito documental pero que de forma empírica hai que demostrar no laboratorio a través de datos xenéticos para determinar a procedencia do berberecho, que se pode facer tanto na explotación como na comercialización.

-En que fase están?

-O proxecto ten tres fases. Comezámolo a finais do ano pasado e remata en 2018. Estamos na primeira evaluación dunha técnica de estudo xenético a través da búsqueda de marcadores do ADN mitocondrial do berberecho. Permite comprobar que se hai exemplares do norte de Europa, non se observan poboacións próximas do continxente sur (Francia, España, Portugal). Son as áreas que xeográficamente competirían introducindo berberechos susceptibles de ir etiquetados ou que poidan confundirse cos de orixe galega.

-Existen vínculos entre as diferentes poboacións?

-Ese é o principal problema co que nos atopamos. Ao longo da costa da Península Ibérica existe a corrente cara o polo, que podería arrastrar a produción larvaria das nosas costas e das portuguesas. A supervivencia da larva no medio mariño determina a súa movilidade: canto máis tempo dure a etapa larvaria na columna de auga, máis capacidade tería de dispersión. O requerimento para atopar diferencias xenéticas é que exista illamento xenético, que está dificultado no caso dos moluscos mariños. Atopamos estas cuestións a nivel mitocondrial, pero a nivel xenómico dispoñemos dun número case ilimitado de marcadores xenéticos. Analizando un número suficientemente elevado de posicións nucleotídicas, que son as que nos van dar eses marcadores, chegariamos incluso a poder diferenciar especies ou poboacións cunha taxa de reprodución entre elas bastante elevada.

-É algo que investiga outro proxecto, o Cockles.

-Supoño que o Cockles se enfrontará a cuestións de tipo teóricas, pero nós estamos centrados en buscar un marcador comercial. Por exemplo, se o marcador está presente no 57% dunha poboación e noutra no 74%, a nivel da teoría xenética dá o grao de illamento das poboacións pero non serve para dicir se un berberecho collido dunha lata é dunha poboación ou non.

-Hai diferencias entre os berberechos da costa galega?

-Non creo, os datos indican que existe homoxeneidade xenética.

-E cos do resto de Europa?

-Dende o Mediterráneo ata o norte de Europa existen as dúas únicas especies que hai no Atlántico: o berberecho Cerastoderma glaucum ou birollo e o Cerastoderma edule. Nas etiquetas poden introducirse outras especies co nome de berberecho, pero levan unha denominación aparte. Pódese falar do berberecho de Groenlandia ou do berberecho dentado, que se recollen na listaxe da denominación comercial das especies pesqueiras e da acuicultura e que non pertencen ao xénero Cerastoderma. O problema de carácter comercial é a diferenciación, a presencia de Cerastoderma glaucum en mostras de Cerastoderma edule ou que este proceda de augas portuguesas, holandesas ou francesas.

-O marcador é comercial.

-Exactamente. Busca soster a DOP e levar unha etiquetaxe verificada con alguna proba. O edule ten problemas na ría de Arousa, onde as patoloxías diversas erradican as poboacións que están sendo substituidas por glaucum. Non é o mesmo poñer no mercado un kilo de berberecho edule ou que ese kilo poida levar un 20% ou un 50% de berberecho birollo. Os prezos son distintos, pero a morfoloxía é similar e poderían pasar desapercibidos.

-Estariamos ante unha ferramenta para evitar fraudes?

-Efectivamente. Poderiamos falar de fraude ou de erros involuntarios, pero o feito de coñecelos motiva esta situación e a presentación dunha DOP: resolver calquera conflito por unha incorrecta etiquetaxe.

-Que beneficios económicos terá a investigación?

-Bastantes. Hay una perda económica moi importante pola importación de berberecho foráneo na ría de Noia, onde se produce cerca do 80% do valor económico en Galicia, sobre todo cando en épocas con dificultades no cultivo ou en Nadal aparecen no mercado toneladas de berberecho foráneo que baixan o prezo. Iso orixina moitos miles de euros de perdas para a xente que traballa na campaña con técnicas artesás e que non pode competir co berberecho procesado de forma industrial como o das praias de Holanda ou de zonas de Portugal, que non teñen o mesmo tipo de explotación e conservación do recurso.

-Ademais de Noia, que outras confrarías participan?

-Muros, Barallobre, Espasante, Cabo de Cruz e a asociación de mariscadores do río Anllóns. O laboratorio exerce como asistente técnico.

-Atoparon moito berberecho non galego cultivado na costa?

-Non é que se cultive, o Cerastoderma glaucum aparece de forma natural. O problema fundamental é a inundación do mercado cos berberechos portugueses, franceses e holandeses. A incorporación destes berberechos en conservas producidas en Galicia leva a un equívoco bastante importante.

-Pódense diferenciar?

-É moi difícil. A xente que traballa con eles diferénciaos, pero para o consumidor é case imposible, sobre todo cando perden a cuncha, como nos conxelados ou en conserva.

-Onde se da o mellor berberecho de Galicia?

-A produción e a calidade máis importante de Galicia é a da zona da ría de Noia. Este marcador para a DOP baséase nunha calidade, pero eu como consumidor podo adquirir produtos de Galicia sen tela en conta porque teño dereito a coñecer a súa procedencia e estar de acordo co tipo de explotación e cos valores culturais e sociais que pode ter.

-Pode a DOP contribuir á loita contra a marteiliosis?

-Esta é una técnica a posteriori. Eso ten máis que ver coa xestión dos recursos mariños, coas especies que se cultivan ou se importan.

-Pensaron en facer o mesmo con outras especies?

-Sí. Ese marcador tamén permite ver se hai larvas de berberecho nunha mostra de plancto e saber de que especie son.