Daniel Formoso preside dende 2014 a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de A Coruña, que recentemente presentou a súa páxina web, e é patrón maior do pósito de Muros dende 2005. Formoso está convencido de que este ano non foi "dos peores" para o sector pero chama á unidade coa Administración e os científicos para chegar a un consenso en asuntos que afectan á frota como o peche das pesquerías.

-Que motivou o lanzamento da web da federación provincial?

-O feito de estar comunicados e de que a información se traslade máis rápido. Fixémolo para darlles máis servizo ás confrarías e aos socios e comunicar con rapidez peches e reaperturas.

- Outro cambio recente, este da Administración, facilita a fusión entre os pósitos. Producirase algunha en A Coruña?

-Non, porque ás confrarías pásalles como aos concellos: queren manter o que teñen. Hainas pequenas con poucos socios e escasos ingresos que non o están a pasar ben pero non queren fusionarse. Se pasa, será unha excepción.

-Era necesario cambiar a lei?

-Sí, porque dá facilidades para que dúas confrarías se unan no caso de que queiran facelo.

-Que pósitos están peor?

-Os que non teñen lonxa e contan con poucos ingresos e socios e unha cota escasa. Os pequenos como o de Lira, que agora xa está un pouco mellor, ou o de O Pindo. O de Miño tamén é moi pequeno, con vinte e pico socios e moi poucos ingresos. Aínda que a Consellería do Mar concede axudas, éstas reducíronse pola crise.

-As pequenas pásano peor...

-Claro, non teñen ingresos nin lonxa, tan só unha pequena cota que lles poñen aos socios. Se llela poñen moi grande, os socios marchan e, se é moi pequena, non dá para sobrevivir. En todas as confrarías ten que haber alguén para levalas e hay gastos como a luz. En Muros vivimos da lonxa; se non a tiveramos tampouco sobreviviríamos.

- Ao chegar ao cargo falaba de que era necesaria unha maior unión entre os subsectores da pesca. Mellorouse este aspecto?

-Aínda falta. A xente que vai ao mar pensa en traballar e cando chega o momento das reunións escapa. Somos críticos coas federacións, coas confrarías e tamén coa Administración, que a veces fai o que fai porque é o que pode. A unión do sector é algo pendente que vai levar tempo. Cada un tira polo seu: cerco, arrastre, artes menores, marisqueo?, as diferentes artes e incluso unhas confrarías con outras cando se dan, por exemplo, as aperturas do polbo, que cada unha quere unha data diferente. Tiñamos que chegar a un consenso.

-Que outros problemas ten diante súa o sector?

-Loitamos por ter cotas, que son insuficientes, e a ver como remata o Brexit, que nos pode afectar para ben ou para mal. Sempre xorden problemas, como o ano malo de polbo, pero sen embargo ven bó para a centola?, a situación pode cambiar dun día para outro.

-Dicía que a pesares das críticas, a Administración fai o que pode. Debería mellorar o sector a relación con ela?

-Deberiamos ir collidos da man e traballar en conxunto. Ás veces a Administración fai cousas que ten que facer pero nós non estamos de acordo, como o peche da raia o 1 de decembro. O que queremos é que nos escoite, pero non podemos criticala cando no propio sector deberíamos defender todos o mesmo. A Consellería do Mar debería defedender o sector e nós, os representantes (patróns maiores, presidentes das federacións) estamos tamén para defender á xente que vive do mar.

-E os científicos?

-Non dubido deles, pero moitas veces os estudos científicos que fan non se corresponden co que realmente pasa. Ás veces había que tratar de falar un pouco máis co propio mariñeiro e cos dirixentes das confrarías, estar máis unidos. O papel aguanta todo e os números dan o que dan. Hai estudos, como o da sardiña, que non se corresponden coa realidade. O sector que vai ao mar sabe o que pasa.

-Propón que os científicos embarquen máis?

-Sí, canto máis vaian ao mar e máis falen cos mariñeiros, mellor. Hai que crer nos científicos e nos estudos e o mariñeiro pódese equivocar porque hai ciclos e as especies varían, pero a ciencia e o sector deberían traballar xuntos.

-O sector pide que a concesión de subvencións non estea suxeita á exención de multas. Que supón para armadores e pescadores?

-Un problema grave. Unha persoa que ten pendente percibir unha axuda, ao ter unha sanción non a cobra. A multa terás que pagala, facer as alegacións chegado o momento, etc., pero perder a subvención? Ao mellor se non a tivera, non se metía ao barco. Cremos que se vai a modificar porque a Administración quedou en revisala e deunos a razón. Moitas leis fanse en Bruselas e as cousas non son tan sinxelas como apuntar algo nun papel.

-Ademais, existe o problema do relevo xeracional...

-Eu aos 14 anos saín ao mar. O traballo é duro e aínda que se gañen cartos, se unha persoa pode traballar en terra nun posto mellor vaino facer. Hai xente que ven ao mar que non é mariñeira nin da costa. O propio mariñeiro ou o que ten medios prefire darlles estudos aos fillos e estes optan por buscar outros empregos a pesar de que no mar, se se traballa, se gañe un soldo digno.

-A xente non traballa no mar se atopa alternativas mellores?

-Sen dúbida. Viuse que nos últimos anos de crise non houbo tantos problemas para atopar xente para ir ao mar, mentres que en 2007-2008 o sector estaba preocupado e contratou moito persoal estranxeiro. Ademais, agora as embarcacións están mellor dotadas e os días de mal tempo xa non se vai ao mar; a situación mellorou moitísimo.

-É suficiente a formación?

-Hai que sacar as titulacións. Non sei se a formación é suficiente, pero canta máis haxa, mellor.

-Como evolucionou o furtivismo dende que está tipificado como delito?

-Non notamos moita diferencia, sabemos que a xustiza é lenta e que xa houbo algún caso de delito. Posiblemente mellore ao rematar a crise. Hai dúas clases de furtivos: os que van porque non teñen nin que darlles de comer aos fillos, que realmente non son os que danan o recurso, e os que están organizados e o fan para gañar cartos. Estes desprázanse dun lado para outro e os efectivos da Consellería do Mar, os vixiantes de cada confraría e as propias mariscadoras, sobre todo no verán, túrnanse as 24 horas para controlalos. É unha lacra que pode ir a mellor ou a peor, pero posiblemente sempre estea, como ocorre cos roubos en terra. Ao furtivismo no mar vémoslle moito perigo cando é de marisqueo, porque pode extraer recurso dunha zona con toxina e saltar unha alerta sanitaria, o que sería un problema grave para o que colleu o marisco, o que o comeu e a propia confraría. O furtivo vai á praia para vender e non sabe se una zona está pechada ou non. Ao mellor, se non houbera quen comprara, non habería tanto furtivismo.

-Corren riscos as mariscadoras que vixían?

-Sí, danse casos de ameazas. Nós non podemos facer nada, só chamar á Guardia Civil ou aos Gardacostas e pedirlles aos furtivos que marchen, e o nome e para denuncialos. Non temos poderes para sancionar, pero cando un deles chega a unha praia e ve aos vixiantes, xa non adoita achegarse.

-Que importancia teñen os grupos de acción local na costa?

-Están na costa de toda Europa. Hai xente que se aproveita máis deles e hai confrarías que non teñen cartos, pero aquí [en Muros] fíxose unha depuradora, en Noia outra?, teñen importancia porque tamén crean postos de traballo. Desenvolvéronse moitos proxectos en restaurantes, cabanas ou paseos con fondos europeos. Todo o que se faga na costa queda feito e é bó, sexa un hotel ou unha depuradora.

-Favorecen o turismo...

-Unha cousa non ten que ver coa outra. Porque sexamos unha zona mariscadora ou mariñeira, non ten porque non haber turismo. Nun porto como o de Muros vívese moito do mar, pero o turista non sobra, e se ten bó acceso e boa zona, volve e gasta cartos. É todo unha cadea. O prezo do pescado e o marisco, pola lei da oferta e da demanda, sobe no verán. En portos como os de Fisterra, Muros ou O Grove duplícase a xente, que gasta porque come, compra roupa, móvese?

-Que balance avanza de 2017?

-A ver cales son os resultados finais, pero penso que foi un ano positivo para a maior parte das confrarías. As cotas son as que hai pero foise pescando ben e o precio foi bó, tanto o do marisco como o do pescado. Non vai ser un ano extraordinario pero tampouco dos peores.

-E en 2018 manteranse incertezas como o Brexit ...

-Hai aspectos que cando se negociaron a primeira vez non se trataron ben e eu penso que agora xa se coñecen mellor os problemas. Temos que estar aí, traballar e non darnos por vencidos para que sexa unha oportunidade para o sector.

-E a aplicación dos descartes?

-É algo que nos preocupa moitísimo, unha das cousas máis sangrantes para o sector. Pedimos que deneguen a orde, pero semella que non se está pola labor, din que non se pode, pero unha lei saca a outra. Preocúpanos porque non se sabe como vai quedar. Como se desfán os barcos pequenos de catro pescadillas se a cota xa está esgotada? Preocupa moito no sector, aínda que ao marisqueo non lle afecta e ao cerco pouco porque é selectivo.

-É un dos problemas que máis preocupa?

-Sí, sen dúbida, sobre todo para artes varias (pesquerías mixtas) e o arrastre. O cambio fixérono sen saber realmente o que prexudica, e aínda non se sabe que facer co pescado que se descarta. Se a cota está esgotada, descóntancho? Non se lle buscou aínda solución.

-E ao marisqueo preocúpalle...

-As toxinas, que son un problema gravísimo para o sector mexilloeiro, por exemplo, pero creo que a campaña de Nadal é normal; nas últimas semanas abriron polígonos bateeiros.