A Xunta iniciou a dixitalización das lonxas en dez dos 35 centros de primeira venda da comunidade, acción que desenvolve no marco do Programa Primare e que permitirá que estas instalacións teñan á súa disposición una plataforma tecnolóxica única. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, mantiveron esta semana unha reunión de traballo cos patróns maiores e responsables das confrarías que participan na primeira fase da iniciativa, dúas da provincia de A Coruña (Ferrol e Fisterra) e oito de Pontevedra (Arcade, Cangas, Illa de Arousa, Moaña, Portonovo, Redondela, Vigo e Vilaboa).

A plataforma tecnolóxica integrará os sistemas de xestión, comercialización e emisión de notas de venda e permitirá modernizar a administración dos "procesos fundamentais" que se desenvolven nestes centros. "As lonxas terán acceso nesta plataforma a unha nova solución de comercialización que lles permitirá obter información de xeito automático da identificación, clasificación e pesada das capturas descargadas para a súa poxa en distintas modalidades e emitir os documentos relacionados coa venda dos produtos", explicou a Xunta nun comunicado. O Goberno engade que tamén será posible introducir e validar a información de xeito directo dende outros sistemas e que se renovarán os equipos tecnolóxicos, como as pantallas das poxas, os servidores, o equipamento que facilita a comunicación con básculas e os etiquetadores.

As lonxas disporán dun novo sistema de xestión da súa actividade e do traballo da confraría que "lles facilitará" a tramitación da contabilidade, da facturación e do pago de impostos coas distintas administracións e a xestión social da entidade.

Outra novidade é a posibilidade de poxar online a través dunha aplicación do smartphone, acción que poderá efectuarse dende diferentes centros de primeira venda e tanto se o comprador asiste de forma presencial como se non.