Cando aínda ninguén dera valor material ao argazo que chegaba ás praias galegas logo de calquera temporal de mar e vento, xa os labregos desta nosa terra empregaban as algas como o mellor remedio para a carencia que as leiras tiñan de cal ou abonos que as revitalizaran tras varias colleitas de froitos como patacas, millo, cabazas ou chícharos cada ano.

Xunto co argazo, os labregos apañaban centos de quilos de cangrexo (pateiro ou patulate no dicir dos riveirenses) incomestible que, ao igual que o argueiro, ía parar ás leiras facendo un abono insuperable complementado coas cunchas de berberecho ou mexillón. Deste xeito, as colleitas semellaban fermosas á vista das prantas e, mellor aínda, os resultados.

No meu pobo, Cariño, o mellor abono para os terreos eran as cabezas dos chicharros, que se esparexían antes de gradar a leira.

Estes feitos, moi cotiáns nos anos 50 e 60 do século pasado, xa non se producen na práctica. Pero a industria anda á busca de saídas a problemas ata o de agora irresolubles nas zonas de cultivo en acuicultura e propicia o entendemento entre os conserveiros de Anfaco-Cecopesca (Galicia) e o Centro Tecnológico de Acuicultura de Andalucía, que están a investigar a reutilización de macroalagas -argazo grande- que, sen control, medran onde están as granxas de acuicultura. O obxectivo destas pescudas é aproveitar esas moreas de argazo para transformarlo en pensos ou abonos agrícolas máis sofisticadamente -esperemos que co mesmo ou mellor resuiltado- que os métodos empregados polos labregos de hai medio cento de anos.

Esas macroalgas afloran excepcionalmente ben en zonas de cultivo piscícola nos esteiros andaluces nos que se cultivan peixes. Tamén en Galicia. E nun e noutro caso os afloramentos poden afectar ás actividades cotiáns do sector piscícola por exemplo nos custos económicos engadidos aos da produción.

En Galicia trabállase co pensamento posto en aproveitar o argazo para alimento animal e, como non, para alimentar ao sector piscícola. E como todo o que cheire a piscicultura ou aucicultura conta, de entrada, co beneplácito da Xunta, do Goberno central e da UE, os cartos para esta fin non han faltar.

Así vai a feira, mentres o sector pesqueiro esmorece comezando, por exemplo, pola pesca da xarda.