A Universidade de Santiago de Compostela (USC) fixo un estudo encargado pola Xunta para avaliar as consecuencias do Brexit para o sector pesqueiro galego. Nel, a súa autora, María do Carme García Negro, explica que o escenario máis favorable para a frota é o actual, un status quo a partir do cal se poderían buscar melloras. Presentado o vernes ó sector durante o Consello Galego da Pesca, o informe non contén mencións importantes para o caso de Malvinas, onde traballan 40 buques galegos. O motivo, segundo García Negro, é que a negociación "limítase a Gran Sol" e que os posibles efectos para a frota virán polos acordos comerciais posteriores. "O acceso está salvagardado", engadiron fontes da Consellería do Mar, dacordo coa postura da experta en Economía Pesqueira da USC.

Segundo explican as mesmas fontes, os barcos "terían segura a pesca" debido á inexistencia dun acordo entre a Unión Europea e Mavinas, xa que alí a frota captura con "licencias privadas e empresas mixtas". A isto García Negro engade que as augas do arquipélago "non son comunitarias" e que xurídicamente teñen "un réxime autonómico propio". "Unha vez acabe o proceso do Brexit pode ser, pero iso non se pode tratar agora", apunta a profesora da USC.

O informe, que leva por título Impacto na pesca galega do Brexit, vai ser entregado na Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) e no Parlamento da Unión Europea coa intención de que chegue ao equipo do negociador Michel Barnier. Os resultados do mesmo non serán públicos ata ese momento, pero García Negro adiántalle a este xornal que o tema das illas Malvinas "metodolóxicamente" non foi tratado no estudo. "A pesca pode verse afectada pero non a consecuencia do Brexit, iso dependerá dos acordos comerciais posteriores", sinala a profesora galega.

Fontes da Consellería do Mar remarcan que o tema das illas "queda nun segundo plano" e que "non hai movementos": "O problema pode ser arancelario". Neste senso, a Administración galega recorda que o Goberno das illas se mostrou sempre favorable a continuar coas relacións comerciais coa UE e en concreto con España e Galicia debido a que a pesca ten moito peso na economía das illas.